Hai uns meses cruceime cun veciño, cun amigo, cun colega, cunha persoa, cun individuo, cun suxeito —que máis dá— e logo de falar e de recordar tempos, despedinme cun “vémonos”. Non o vin máis. Houbo días nos que incluso o busquei a propio intento para saber del e, por que non, para seguir lembrando as nosas fazañas, xestas ou proezas da infancia. Fixerámolas de todas as cores; boas e malas, con castigos e con premios. Que carallo, eramos rapaces.
Hai uns días souben del por medio doutro veciño, amigo, colega, persoa, individuo, suxeito —que máis dá— que me contou que se subira a un barco (seguro que foi á Perla Negra, tal como era el, medio pirata) para, ou facer as Américas, ou a darlle a volta ó mundo. Coñecéndoo, calquera das dúas opcións era boa.
Espero, confío e desexo que volva calquera día; non quero que ese “vémonos” me rille, me escaravelle, me foce na conciencia. Eu dixérallo de bo corazón, coa ansia de velo axiña de novo. Como digo era veciño e amigo.
Tal colega, persoa, individuo ou suxeito chamábase —e confío que se chame igual— Indalecio Osirio Santurce. Nós, para abreviar, atallabamos co seu nome: Inda. Alcume tíñao como todos os da vila de Baños de Molgas, pero por iso de ser amigo, non o digo. Por respecto. Pola súa ausencia. Ás veces son así de bondadoso, de benévolo, de boa persoa. E como tal, sigo con ese “vémonos” furgándome nos miolos. Tíñalle cariño a Indalecio, a Inda, o veciño, amigo, colega, persoa, individuo e suxeito que seica se subiu a un barco e marchou.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 14 de febreiro de 2025
Foto: Balneario de Baños de Molgas (Ourense)
No hay comentarios:
Publicar un comentario