martes, 18 de febrero de 2025

O TRAVIS MOLGUÉS


Estaba a pasarme o de Robert De Niro en “Taxi Driver”. Que a sociedade empezaba a rañarme onde non debía. Unha e outra vez. Díxenme que non me quedaba outra que emular a Travis Bickle; el cunha pistola e eu cunha fouce da seitura. Non tardei en marchar correndo á palleira e descolgala da parede da mesma. Aproveitei para poñer unhas polainas (nunca se sabe o que pode pasar en actos repentinos e de carraxe) e saín ás rúas molguesas na procura de cabezas. Xa sei que os de Baños de Molgas son veciños e máis que veciños, pero a sociedade é unha forma de organización característica do ser humano, que consiste en agrupacións de individuos entre os que se establecen relacións organizadas, ben por leis naturais, ben por medio de institucións, regras, etc. Os molgueses son seres humanos que se agrupan na vila. Con iso chega. A gran putada está precisamente en empezar a cortar cabezas pola miña propia vila. Puiden empezar, por exemplo, por Maceda, pero a fouce estaba na palleira que teño en Baños de Molgas.


Non teño porque dar tantas explicacións. Posto xa no papel de Travis, iniciei o percorrido moi suavemente; máis coa intención de darlle tempo ós veciños a que agochasen,a que se ocultasen nas súas casas, que coa intención de guillotinar individuos amigos. A ver se percorridas todas as rúas non atopaba a ninguén e, entón, si, coller camiño de Maceda e alí poñerme as botas ou facer boa feira.

Polas rúas de Baños de Molgas mesmo asubiaba ó estilo Morricone para que a xente soubese que non lles merecía a pena chupar cámara, ou sexa, saír en planos curtos; non fora o demo que... No fondo son un sentimental.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 17 de febreiro de 2025

Foto: Rúa Manuel Santamarina (Baños de Molgas - Ourense)

No hay comentarios:

Publicar un comentario