viernes, 14 de febrero de 2025

MALDITA CABEZA!


De camiño díxenme que tiña que pensar en algo. Botei a ferver a cabeza, a acelerar os miolos e... non me sae nada. Ás veces non saen as cousas como un quere ou desexa. Pode unha folla de amieiro aterrar sobre a herba verde da Pitediña sen mancarse? Depende. Se cae de punta igual se dobra e lle doe. Se cae de plano pode pillar a punta dunha agulla de costureira e a picada máis seguro que lle doa. Pode unha vara aguillada picar no cu dunha vaca? Depende. Se o labrego que a tangue ten présa, seguro que lle dá unha picada. Se non ten présa, igual mira para os niños das pegas ou para os biosbardos e deixa o cu da vaca en paz. Eu, por non as picar, por non tanguer, e para non aburrirme, botaba man das novelas do Oeste ou dos libros da biblioteca de Baños de Molgas e mataba o tempo, ou sexa, o aburrimento. lendo.


Andado un bo cacho do camiño os miolos queren rebentar de tanto premer e... nada de nada. Non me sae nada. Que se Mariza di “Quem me dera” e Aurora Villatoro que “Quien me diera de beber” e eu que cada louco co seu tema. Isto tamén o dicía Serrat, pero con este xa son palabras maiores. Que se a Perla Negra suca os océanos e a troita corre que te corre polo Arnoia abaixo. Ou era para arriba? Que máis dá a dirección; o caso é que quen corre é unha troita e quen leva a auga é o Arnoia.

Rematado o camiño, sentei nunha cadeira para arrefriar un pouco esa fervura de pensamentos, de ideas que non me levaron nin me levan a ningún lugar porque... nin me saíu nin me sae nada. Maldita cabeza!


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 13 de febreiro de 2025


Foto: A Pitediña (Baños de Molgas - Ourense)

No hay comentarios:

Publicar un comentario