Estou á espera de que Honorato Vences Rincón, O Malnacido, pase por aquí para dicirlle catro cousas. Non se lle deu por rozar un carro de toxos da miña poula! Así, polas bravas. Sabendo perfectamente que non era súa a finca. Aínda me viu onte nela. Porén, rozou igual. E, coidadiño, que aínda lle teño que mirar ben os marcos. Desconfío un carallo dos procederes do Malnacido.
Honorato Vences é fillo único. Descendente de Eulalia Rincón e de Samuel Vences, Os Americanos. Estes, aínda que naceran na parroquia de San Martiño de Betán, alá polas terras de Baños de Molgas, marcharan para a América (dise que para Cuba) de moi cativos e, cando volveron, os veciños non mataron moito a cabeza: “Volveron os americanos”. E Os Americanos lles quedou de alcume. Os veciños, quéirase que non, e a pesar das vagancias mentais, tamén son listos. Igual que con Honorato, que vendo que era de malas ideas e de moita verborrea, de moita inxuria ou aldraxe, puxéronlle O Malnacido. Quedade coa copla: a xente de aldea, aínda que semella parva, non é tal; son máis listos que os da capital.
Ó que ía: que estou á espera de que O Malnacido asome por aquí. Vai saber o que é bo. Ó mellor non aparece, porque como pregoei un pouco a falcatruada que fixera, igual me colleu medo e estará á espera de que se me pase esta carraxe que me obnubila os sentidos. Confeso que son moi calmo, moi cachazudo, moi benévolo, pero se me moven o marco... E non digo nada se me rouban unha carrada de toxos. De toxos! Mesmo poida que non responda de min.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Domingo, 23 de marzo de 2025
No hay comentarios:
Publicar un comentario