martes, 25 de marzo de 2025

TODO PASA, ALGO QUEDA


Canto de codorniz no areal dos soños. Voo de lavandeira nos recantos da memoria. E queda a rula mirándome por entre as follas dos castiñeiros. Fun auga no mes que lle roubaron a Sabina e fun día longo no maio de moitos anos. Fun río, fun vento, fun canción, fun verso solto, fun albarda de burro e caxato de temoeiro. Son flor de toxo e eco de berro, e señardade de silencio, e nostalxia dun tempo. Son o meu propio universo.

As sombras de Paloma San Basilio non son as mesmas que as de Rosalía de Castro. As miñas sombras asómbranme nun día gris, escuro e ameazando chuvia. É igual; eu ando sempre pola sombra, aínda que o meu físico nin tan sequera faga sombra.


Tempo de rir nun mar de bágoas. Tempo de chorar ante unha lagoa en calma. Tempo de oulear coma un lobo desde o alto dun outeiro. Que todos os sentimentos se suban á Perla Negra e naveguen polos océanos da da señardade. Que o tempo se deteña, ou non. Que o tempo pase, ou non. Que o tempo furgue na memoria dos tempos.

Pomba coxa. Galla partida. Mesa que baila. Xesto raro. Aceno estraño. Pasos que soan. Ruído na rúa. Sol que asoma tras unha nube branca. Pinga que cae dunha nube negra. Andaina por entre a natureza. Fotos que alegran a vista. Refuxio de pecadores. Consolo dos aflixidos. Unha misa de réquiem por unha vida que foi. Un responso pola andoriña do conto. Todo pasa, algo queda e o silencio empreña no baleiro.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Domingo, 23 de marzo de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario