jueves, 27 de marzo de 2025

SÓ HAI BALEIRO


Escoito o silencio. Non oio nada. Só hai baleiro. Todo flúe. Nada queda. Nada hai. Só hai baleiro. Pecho os ollos. Miro sen ver. Non vexo nada. Só hai baleiro. Soño co silencio. Soño co baleiro. Lanzo un berro seco! Non escoito nin o eco. Só hai baleiro.

Tres da tarde. O sol asoma polos cristais da galería. De fondo, o son dunha televisión. Dous dedos baten con forza no teclado do ordenador. Harry Gregson-Williams envía ós auriculares a banda sonora de “The Equalizer 2”. É o único ruído. Polo demais, só hai silencio… e baileiro.


Verso solto. Frase incompleta. Redacción inconexa. Significado incomprensible. Ideas estúpidas. Pensamentos esperpénticos. Poema inconcluso, insuficiente. Novela barata. Críticas a esgalla. Escritor paupérrimo. Falto de inspiración. Preñado de silencio. Só hai baleiro.

Obxectos sobre a mesa. Mesa pequena e chea de dicionarios. Para que? Dicionarios pechados; moi de cando en vez, ábrese un para evitar a ignorancia, o descoñecemento, para buscar o auténtico, a sabedoría. Mesa pequena na que, nos ocos libres, no mantel en branco, só hai baleiro.

Son o que escoita o silencio, o que soña, o que berra, o que escribe, o que sente a música, o que intenta elaborar un poema, escribir un texto, o que contempla a mesa, o que usa, moi de cando en cando, os dicionarios. Son o que me mergullo no baileiro para non atopar nada, para quedar completamente en branco. Normal; só hai baleiro.


Finca Fierro. Barbadás. Xoves, 27 de marzo de 2025


No hay comentarios:

Publicar un comentario