martes, 4 de marzo de 2025

SOBRE UNHA NUBE NEGRA


Subín a unha nube negra. Sentei coas pernas cruzadas e deixeime levar. Pensei que afundiría, pero non. A nube era consistente, compacta e, para máis aquel, obedecía ó meu mandado. Cando pasei por Baños de Molgas borboriñeille que deixara caer, tan só, unhas pingas de orballo. Non quería que, por chover moito, se anegasen a Pitediña, as Mestras e a Ansuíña. Fíxome caso: catro gotiñas de nada. Para que refrescasen as airas e para que cheirase a terra mollada.

Porén, cando cheguei ó montes do Padornelo xa lle dei a orde para que descargase a cachón. Non tardou aquilo en semellar a fin do mundo. Como vin axiña que o asunto se puña serio (tampouco quería que por miña culpa houbese desbordamentos que fixesen dano), soliciteille á nube que xa estaba ben. Tamén me fixo caso.


Eu ía tan cómodo nela que, de cando en cando, cambiaba de postura; e das pernas cruzadas pasaba a tombarme tan longo como era; de tombado erguía dun chouto e imitaba a Leonardo DiCaprio no Titanic querendo ser o rei do mundo; abríame de brazos e berraba: son o rei do ceo!

Como presunto rei tamén quería facer algunha trasnada. Cando chegamos á altura da capital do Imperio, deille a orde de que soltase tronos e lóstregos de tal magnitude para que os madrileños soubesen o que era o medo. Non tardei en ver como as rúas quedaban desertas e, nun amén compasivo, díxenlle á nube negra que pasase de présa, que xa lle meteramos o medo no corpo.

Tampouco tardei en dicirlle que dese a volta e, obediente, levoume ó punto de partida. Deille un bico de agradecemento e, ó instante, vin como se diluía, como se esfumaba, como desaparecía.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 3 de marzo de 2025


Foto: Parque das Mestras (Baños de Molgas - Ourense)

No hay comentarios:

Publicar un comentario