domingo, 10 de febrero de 2019

POBREZA DE ESPÍRITO

Pobreza de espírito na observación dunha raza humana que ás veces está amorfa e outras demasiado espelida. Para elo, lánzome en paracaídas desde o Alto do Corno e deixo que o vento me leve ata o infinito e máis alá, é dicir, ata a Chaira, onde aterro, con moita suavidade e cun sorriso non beizos. Penso para min mesmo que son un profesional. Son un profesional para todo. Son pau para calquera culler.
Pobreza de espírito do meu pobre espírito. Porque alucino en colores ante os meus propios soños. Porque me sinto heroe sen capa nin espada, sen floco nin forza. Pero son o heroe dos tempos nos que a raza humana nin tose nin moxe, simplemente contempla e queda pensando nos biosbardos. Que bonitos son os biosbardos! Somos o espírito que dorme o soño dos xustos. De que xustos, oh, de que xustos? Quen estea libre de pecado, que tire o primeiro cantazo. Pobreza de espírito nunha ladaíña que quere dicir todo e non di nada. Quere que a raza humana se erga, se levante contra a forza infame, abxecta dun poder apoltronado e ruín, moi ruín. Pero aquí estou eu, pobre de espírito, para rebentar o universo infinito. Como un heroe que vai e vén pola galaxia e séntese perdido. Síntome perdido. Pobreza de espírito nun sentimento que quere salvar a raza humana. Non ten salvación.

Finca Fierro. Domingo, 10 de febreiro de 2019

A ESPERANZA DO LABREGO

Estou coma se me pasara un tractor por encima. Aínda así quero correr polo espazo horario da unha da noite e choutar dunha idea a un pensamento, ou dunha filosofía a un proxecto. Estou baldado. Pero imaxino o ruído do mar e sinto que todo está por chegar. Que o astronauta que quero ser está tan en cirolas que só me queda a opción de despegar nunha folla de loureiro. Estou canso. Salto polos penedos de Barricobos e deixo que o xogo da cireixola durma aquel tempo baixo a miña sombra. Sento á beira do escudo do Real Madrid e non me sinto capaz de reescribir a historia. Todo ten o seu momento. Aquel foi de cando as lavandeiras rebulían baixo os fociños das vacas.
Estou fundido. Pero o son de Milladoiro arrástrame polo santo da pólvora e o ritmo da perna esquerda marca a distancia que vai entre a aflición e tres aleluias. Nunca deixarei que ninguén marque o meu camiño. Aínda que sempre viaxarei polo carreiro que alguén debuxa sobre as miñas veas. Ou sobre o meu sangue. Maldita escravitude nestes tempos de liberdade! De que? Nada. Tan só era un soño, un sentimento. Estou esgotado. De dar coa machada sobre anos de coidados. De agachar as costas sobre sementes de fatigas. De cavar co sacho regos de esperanza. Pero a esperanza do labrego é efémera, pasaxeira.

Finca Fierro. Sábado, 9 de febreiro de 2019

sábado, 9 de febrero de 2019

INVERSA TEATRO E A VIOLENCIA MACHISTA

Só sei que nada sei. Iso é moi relativo. Ou non. Sei do maltrato, da violencia machista, pero quizais na realidade non saiba nada. Menos mal que o venres a compañía Inversa Teatro me amosou algo máis desde as táboas da Casa da Cultura de Barbadás. “Sofía e as Postsocráticas” é unha obra que che intenta abrir os ollos (e o consegue) sobre esa lacra que maioritariamente só sabemos polos xornais, pero que existe. E existe de verdade. Existe de tal maneira que as mortas case caen a diario e os acosos a cativos nos colexios segue á orde do día. Non obstante, e como reflectían na obra cun exemplo no que nos fixeron participar as tres actrices da representación, o maltrato e o acoso tamén dependen do ollo con que os queiramos ver.
Hai maltrato en certos silencios. Hai maltrato en todos os berros. Hai maltrato na culpa. A maltratada, a violada, a acosada, moitas veces, pasa a ser a culpada... por deixarse levar, por asomar ó principio un sorriso confiado, por unha ollada que provoca. Hai maltrato pola indiferenza do espectador, que ve e pecha os ollos ou mira para outro lado. Hai maltrato nunha ollada. Hai maltrato nunha simple palabra. Hai acoso nun xesto, nun ademán, nun sorriso burlón.
O 16 de xaneiro de 2016 (fixo xa tres anos) publicouse neste xornal unha reportaxe miña sobre Inversa Teatro, que a remataba co seguinte parágrafo: “Paul Newman deixou unha frase para a eternidade: `Actuar é como baixar os pantalóns; expós a túa intimidade´. Marta Pérez expón en `Fémina Sapiens´, durante un longo cacho, toda a súa intimidade e representa aí, reflicte aí un carácter de actriz inmensa e de muller que che abre os ollos de admiración polo seu compromiso social. Espero con ansia unha nova produción súa”.
A nova produción chegou, por fin!, coa representación de “Sofía e as Postsocráticas”, aínda que, por esta vez, Marta Pérez estaba acompañada por María Roja e Silvia Penas. Aquí non expuxo a súa intimidade física, pero si nos amosou, nos amosaron toda a súa intimidade, interioridade mental. As tres, realmente inmensas e filosofando sobre un asunto que, aínda que moitos non o queiramos ver, está metido xa nas nosas entrañas. Inversa Teatro reflícteo perfectamente.

Finca Fierro. Sábado, 9 de febreiro de 2019

QUERO UNHA REVOLUCIÓN!

Cando eu era pequeno desexaba que chegara a revolución. Agora que son maior desexo que chegue a revolución. Pero a revolución non chega nunca. Vimos baixo a bota opresora dun poder cobizoso e inicuo. Vivimos tiranizados e asoballados entre sorrisos falsos de algodón e leis que se cospen por bocas famentas de fame. Fame de poder. Quero que chegue a revolución! Quero ser eu a bota opresora e a cadeira de brazos na que descansen todas aquelas ideas que se xungan coas miñas. As ideas opositoras metereinas nunha formigoneira para amasalas e que se podrezan entre elas.
Vivimos baixo o ollo de falcón que nos marca o percorrido dun sometemento rastreiro e baballoso. Agora desexo que chegue a revolución. Pero esta non ten un guía que flote por entre as conciencias amorfas dun pobo que morre. Eu quero erguer o espírito guerreiro, mais nin tan sequera consigo acumular lume nos ollos nin carraxe nas veas. Nin tan sequera teño unha machada para cortar as súas ideas. Tampouco habería cemiterios para albergar tantas cabezas. Vivimos baixo o poder duns malnacidos que nos cospen nese desexo revolucionario que non asomará nunca. Que nunca deixarán que asome. Por deus bendito, quero unha revolución! Necesitamos unha revolución!

Finca Fierro. Venres, 8 de febreiro de 2019

martes, 5 de febrero de 2019

ENTRE OS NICHOS DA CANCIÓN

Alguén me dixo unha vez que un verso que se alonga poida que non teña fin. Tamén é verdade que un verso longo pode ser un infortunio. Como un asubío dentro dunha igrexa ou por entre os nichos dun cemiterio. Non obstante, non habería mellor lugar para un concerto labial: todo sería silencio. E a música, calquera música, como mellor penetra, é en silencio. Alguén me dixo unha vez que o niño dunha anduriña era como o anel de Saturno. Non sei que pinta Saturno aquí, repliqueille. O mesmo que pinta no universo: nada. O que nada non afonda. A cousa xa empezaba a pasar da raia. Nin os comentarios semellaban apropiados e moito menos as preguntas ou respostas. Estabamos a embarullar o asunto alguén e máis eu. Teñamos a festa en paz, berrounos a pobre anduriña. Quedamos pampos, claro.
Ese alguén colleu un libro de poesías e púxose a recitar sobre os intervalos das fases da lúa. Eu collín un simple poema, mirei para a anduriña e nos seus ollos vin pura poesía. Para que recitar entón! Quedei en silencio e moi devagariño marchei para o cemiterio. Alí, sen importarme os mortos daquel verán, asubiei un requiescat in pace pola alma dos que nunca compuxeron unha canción, dos que nunca escribiron uns versos. Alguén marchou sen facer ruído e eu soñei entre os nichos da canción.

Finca Fierro. Martes, 5 de febreiro de 2019

lunes, 4 de febrero de 2019

A CEGUEIRA DOS MERENGUES

Estou alucinado co asunto de Benzema. Faime graza que a xente empece a descubrir agora a Benzema. Ata os propios periodistas deportivos, que se entende que son uns profesionais, uns especialistas na materia deixen escapar agora ríos de tinta sobre o xogador francés. Cando desde o primeiro momento (si, desde que chegou ó Real Madrid), foi o mellor xogador que tivo. Para un servidor, por enriba do Modric e por enriba do Cristiano Ronaldo. E dío un servidor que é antimadridista. Non valía que lle explicaras ós fanáticos merengues de que Benzema non é un goleador (para iso tiñan ó portugués), de que é un xogador completo, técnico, inmenso, alucinante, cunha clase que este antimadridista levaba tempo sen ver.
Prometo que non me estou subindo ó carro do seu momento actual. Teño ó fillo de testemuña, ó que lle predicaba ó oído unha e outra vez que Karim Benzema era e é o mellor xogador que tivestes e que tedes. Ó oído porque, no café, se te oía alguén ata te podía mirar de mala maneira. Porque non marcaba goles. Agora si, agora coma leva unha boa racha de goles, xa “case” é mellor có Cristiano Ronaldo. Este é certo que é un goleador nato, pero no Madrid marcou moitos grazas ás marabillas de Benzema. Triste que un antimadridista lle abra os ollos ós merengues.

Finca Fierro. Luns, 4 de febreiro de 2019

domingo, 3 de febrero de 2019

BOTEI DE MENOS A LUIS TOSAR

Cando nomearon na gala dos Goya ó actor galego Luis Zahera recoñezo que berrei coma cando a Celta mete un deses goles tan necesitados. Luis Zahera hai moito tempo xa que se merece un premio dos grandes. Pero onte botei de menos a Luis Tosar. Porque onte, entre tanta representación galega como houbo este ano nos premios do Cabezón, non se escoitou unha palabra en galego. Ata tiven envexa de Antonio de la Torre reivindicando a súa Andalucía natal. Segue dándonos corte falar en galego do Padornelo para alá. Sempre nos deu apuro. Onde estás, Luis Tosar! Polo demais, a gala tivo os seus momentos emocionantes. Eu, persoalmente, destaco o momento da homenaxe a Chicho Ibáñez Serrador, con grandes directores no escenario.
Así mesmo, emocionante empezou sendo o discurso de Jesús Vidal, pero axiña se converteu nun grazas tan repetitivo e tan longo que non quedou outra que esquecerme das primeiras emocións. Este segue a ser o gran problema destes premios: os agradecementos. Non acaban nunca. Son sempre os mesmos. Non hai orixinalidade. E cando empeza a haber algunha, algúns esténdena ata o infinito e máis alá. A gala deste ano, a min, resultoume aburrida, fóra incluso da carraxe galeguista esa. Ai si, un punto a favor: descubrín a Rosalía.

Finca Fierro. Domingo, 3 de febreiro de 2019