Só
sei que nada sei. Iso é moi relativo. Ou non.
Sei do maltrato, da violencia machista,
pero quizais na realidade non saiba nada. Menos mal que o venres a
compañía Inversa Teatro me amosou algo máis desde as táboas da
Casa da Cultura de Barbadás. “Sofía e as Postsocráticas”
é unha obra que che intenta abrir os ollos (e o consegue) sobre esa
lacra que maioritariamente só sabemos polos xornais, pero que
existe. E existe de verdade. Existe de tal maneira que as mortas case
caen a diario e os acosos a cativos nos colexios segue á orde do
día. Non obstante, e como reflectían na obra cun exemplo no que nos
fixeron participar as tres actrices da representación, o maltrato e
o acoso tamén dependen do ollo con que os queiramos ver.
Hai maltrato en
certos silencios. Hai maltrato en todos os berros. Hai
maltrato na culpa. A maltratada, a violada, a acosada, moitas veces,
pasa a ser a culpada... por deixarse levar, por asomar ó principio
un sorriso confiado, por unha ollada que
provoca. Hai maltrato pola indiferenza
do espectador, que ve e pecha os ollos ou mira para outro lado. Hai
maltrato nunha ollada. Hai maltrato nunha simple palabra. Hai acoso
nun xesto, nun ademán, nun sorriso burlón.
O
16 de xaneiro de 2016 (fixo xa tres anos) publicouse neste xornal
unha reportaxe miña sobre Inversa Teatro, que a remataba co seguinte
parágrafo: “Paul
Newman deixou unha frase para a eternidade: `Actuar é como baixar os
pantalóns; expós a túa intimidade´. Marta Pérez expón en
`Fémina
Sapiens´,
durante un longo cacho, toda a súa intimidade e representa aí,
reflicte aí un carácter de actriz inmensa e de muller que che abre
os ollos de admiración polo seu compromiso social. Espero con ansia
unha nova produción súa”.
A
nova produción chegou, por fin!, coa representación de “Sofía e
as Postsocráticas”, aínda que, por esta vez, Marta Pérez estaba
acompañada por María Roja e Silvia Penas. Aquí non expuxo
a súa intimidade física, pero si nos amosou, nos amosaron toda a
súa intimidade, interioridade
mental. As tres, realmente inmensas e filosofando sobre un asunto
que, aínda que moitos non o queiramos ver, está metido xa nas nosas
entrañas. Inversa
Teatro reflícteo perfectamente.
Finca
Fierro. Sábado, 9 de febreiro de 2019
No hay comentarios:
Publicar un comentario