jueves, 22 de diciembre de 2011

DETRÁS DUNHA PORCA


              O paspán de Veriano Couce Rodríguez corría detrás dunha porca que acababa de fuxir do cortello. A porca respondía ó nome de Loída, que Veriano lle puxera cando decidiu criala. Os veciños preguntábanlle o por que dese nome. E el tan só dicía que porque si, a maiores de ollar de mala maneira ó que lle preguntaba, pois xa estaba farto da maldita pregunta. ¡Que lles importaba!; puxéralle Loída e punto. E cando a algo se lle pon nome, hai que chamalo desa maneira. Aínda que ás veces, ou quizais moitas veces, escapábaselle o de “¡maldita porca!”, cada vez que non obedecía as súas ordes. Axiña arrecunchou a Loída contra o muro do cemiterio e conseguiu botarlle o lazo polo pescozo. Con parsimonia e con moitas palabras cariñosas levouna ó seu curral. Claro que alí, xa sen escapatoria, pegoulle unha boa patada no xamón dereito, acompañado por un “¡maldita porca!” Nos cabreos saíalle o primitivismo.

              Maceda. Xoves, 22 de decembro de 2011

No hay comentarios:

Publicar un comentario