viernes, 23 de diciembre de 2011

O SOÑO DO RAPAZ


              Déitate sobre a casca dun amieiro e abrázate ó sombreiro dun cogomelo. Logo soña co fouciño que corta as sebes daquela parcela, na que pasabas as mañás de inverno. A Turina pace por entre uns codesos e xa pensas que abeirou por Sudalomba abaixo. Cando te alporizas para saír a buscala, empeza o Uriarte a ladrarlle e a sacala daquel escondedoiro que chegou a angustiarte. Pero é realmente o burro o que che amarga a mañá; nun abrir e cerrar de ollos deixou de estar presente e sabes que ó chegar á casa, tes que seguir camiño do muíño do Dositeo. Alá o atoparás roldando á burra do muiñeiro. Esperta, rapaz, que a carapela, a casca do amieiro empeza a arrefriarche a alma. Colle a cesta e complétaa cuns boletos.

              Café Tizona de Ourense. Xoves, 22 de decembro de 2011

No hay comentarios:

Publicar un comentario