viernes, 16 de diciembre de 2011

MACHISMO PURO E DURO


              Díxeno sempre; a muller é merecente dun monumento en todas as prazas de todas as vilas, e a muller labrega galega non precisa de ningún monumento porque xa ten o ceo máis que ganado. Agora mesmo, a miña está pasando o ferro e eu, faltaría máis, estou fochicando no ordenador para matar o tempo. E púxose a pasar o ferro xusto cando chegou de facer un traballo de dúas horas. Mañá, se o tempo o permite, botarame unha man na viña para que un servidor nona teña que acusar de nugallá ou de cómoda. Sinceramente, non temos perdón de Deus, non teño perdón. Algúns pensarán que é lei de vida, que así é a costume dende que o mundo é mundo. ¡Mentira!; é o machismo puro e duro. Pero ante esta afirmación, eu sigo a mirar cómo lle pasa o ferro a, precisamente, as miñas camisas. Deixo que a miña ollada percorra toda a súa cara e a pesar dos rictos de horas de traballo seguidas, segue fermosa e, para máis aquel, cando aprecia que a estou mirando con intensidade, a moi celestial muller vai e diríxeme un sorriso de complicidade. Cos meu ollos pídolle perdón polo meu machismo. Pero sigo a fochicar co ordenador.

              Finca Fierro. Venres, 16 de decembro de 2011

No hay comentarios:

Publicar un comentario