jueves, 22 de diciembre de 2011

FEDERICO, O BIBLIOTECARIO


              Poida que moitos xa non lembren que Federico Ferro Ferreiro foi, durante moitos anos, o encargado da biblioteca de Baños de Molgas. Un servidor non se esquecerá nunca. Porque, grazas ás facilidades que me deu ese home, convertinme nun auténtico tragalibros. Era a etapa na que empezaba a ler. Era a etapa na que non tiña nin unha cadela para mercar libros, nin tan sequera novelas do Oeste. A salvación estaba na biblioteca que rexentaba O Federico. Axiña me convertín no seu “cliente” máis habitual. Grazas á súa amabilidade, devorei nun chiscar de ollos as obras completas de Pérez Galdós e de moitos clásicos españois, ou descubrín a un tal Emilio Salgari cando lin a súa primeira novela, “Sandokán”, e axiña caeron todas as coleccións relacionadas con misterio, crimes, novela negra, Agatha Christe, Dashiell Hammett, Wilkie Collins e un longo etcétera. Cheguei a ler libros segundo estaban por orde de estantes. O meu “clientelismo” era tal que non tardei en ir na procura das chaves da biblioteca á propia casa de Federico Ferro Ferreiro con horas de antelación á apertura diaria da sala de lectura. E sempre estivo disposto a ofrecermas sen un pero. Aínda hoxe o vexo sentado naquel “mazadoiro da burga” e tan axiña como notaba a miña presenza, metía a man no seu peto, sacaba as chaves e “ale, vai abrindo, Chito”. Deume tantas facilidades que rematou por “traspasarme” a biblioteca municipal. Ás veces ruborízome cando leo necrolóxicas abondo melindrosas, pero eu hoxe teño que usar o tópico de que sinto a súa viaxe eterna. De verdade e de corazón. Tamén sei que cando, algún día, chegue á súa beira estará a esperarme co talonario de préstamo aberto (na nosa época aínda non existían os arquivos informáticos) para anotar o libro ou libros que queira ler. Grazas, Federico, polo que significaches para min. Eras máis que amigo e veciño.

              Maceda. Xoves, 22 de decembro de 2011

1 comentario:

  1. Como me voy a olvidar de Federico y su biblioteca!!!!!!!!!.............me encantaba subir aquellas escaleras y verlo detras de aquella mesa, aquel olor a libros!!!Que recuerdos.

    ResponderEliminar