viernes, 2 de diciembre de 2011

OS QUE PAGARÁN A MARAGOTA


              Non fai falta ser un gran mago para adiviñar quén vai pagar a maragota nos recortes da crise. ¡Os funcionarios! ¡Que descubrimento! Claro que moitos xa estarán co sorriso aberto porque tododeus sabe que este colectivo ten o soldo seguro e, para máis carallos, non rañan bola. Poida que si. Pero tamén poida que non. Poida que algúns funcionarios si traballemos abondo para que unha tal Isabel Carrasco, do PP, presidenta da Deputación de León duplique os seus soldo con dietas e acumule once cargos máis. Repito, once cargos. Agora digo eu; cómo se pode traballar en once cargos. ¡Iso é imposible! Se traballas nunha cousa, ou en dúas ou en tres, non podes facelo en once… ¡non hai tempo! E xa non digo nada dos horarios normais dun traballador; a ver de ónde sairían as hora para once postos de traballo. A xente nos bares fretarase as mans coas novas dos recortes dos funcionarios antes de facer pensar á súa “intelixencia” neses soldos vitalicios dos grandes capitostes dos bancos ou nesas pensións abusivas que lles quedan ós que foron presidentes “de algo”. Contra estes ninguén se botará. Para qué; se están os funcionarios para o escarnio.

              Finca Fierro. Venres, 2 de decembro de 2011

No hay comentarios:

Publicar un comentario