viernes, 3 de febrero de 2012

A BASE DE TRABALLO


              O vento fungaba con tanta forza que chegaba incluso a mover o coche. Pero o peor do tempo climatolóxico chegou cando Sandalio Cachomba e Librada Agonías baixaron do vehículo e os lampos dese vento golpearon nas súas caras. Eran fríos coma cadornos de xeo. Encollían ata as propias almas. Os bufidos e as queixas dun e doutro foron a menos cando, logo de cambiarse de roupa, se puxeron a cargar uns tractores de leña e de tela que picar despois, segundo a ían descargando. Os seus corpos axiña entraron en calor e soltaron aquilo de “¡quén dixo frío!”. Sandalio Cachomba non tardou en quitar a cazadora que tiña abrochada ata o mesmo papo e Librada Agonías colgou dun estadullo o gorro que lle cubría case toda a cabeza. Ós cachos pegaban un descanso para ver os xogos que estaban a realizar os cans que andaban polo patio. A cadela pequena era a que estaba a armar todo o cotarro, encirrando nos outros de tal forma que mesmo semellaba un cachafello molesto, demasiado molesto, pero que os estaba a divertir. Rematados os dous tractores de leña, Sandalio e Librada volveron cambiar de roupa, saíron da aldea e baixaron para a capital. Escorrentaran o frío a base de traballo.

              Maceda. Venres, 3 de febreiro de 2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario