martes, 11 de septiembre de 2018

O CARBALLO GROSO DAS MESTRAS

Agora xa sei que viaxar polo arco da vella é como alucinar en cores ou como andar sobre as ondas do mar. Que bonito sería andar sobre os Océanos todos! Algo así como navegar por entre as estrelas do universo. Non, non vou falar do espazo sideral porque me emociono. Tampouco quero choutar desde o arco da vella sen saber seguro que vou aterrar sobre a copa dalgún carballo das Mestras. Teño medo a esnafrarme, a escacharrarme contra algunha peneda.
Nas Mestras si podo descansar sentado á beira do río Sor ou do río Arnoia. Dáme igual; o caso é contemplar, observar desde alí o barrio da Igrexa. Non é por nada, pero é o meu barrio, o meu Baños de Molgas; sobre o que o arco da vella perde abondo esplendor. Porque hai canastros, hai airas, hai rúas, hai leiras, hai infancia, hai recordos, hai recordos, hai recordos... que brillan moito máis alá dos tempos. E dos propios pensamentos. Abrazo, cingo o carballo máis groso das Mestras e vexo como o arco da vella dilúe as cores en pingas incoloras ou transparentes para que semelle que choran as herbas. Mais nese parque non chora ninguén porque hai melancolías ou nostalxias que van máis alá dun sentimento amoucado, saudoso. Bico o carballo groso das Mestras.

Pizzería Vivaldi da Valenzá. Martes, 11 de setembro de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario