domingo, 16 de septiembre de 2018

TEMPO E PENSAMENTOS

Non loites contra a adversidade do tempo. Ou contra un instante. Porque o tempo é un ir e vir de asubíos que saen ó vento ou de latexos que mancan o peito. Cada instante é un momento. Cada momento é un suspiro. Porque o tempo pasa mansiño por entre as salgueiras de Entreloríos e pasa sentimental polos lameiros das Lagoas.
Porque o tempo dorme na almofada do silencio e senta no soño dos xustos. Que incongruencia! Que ousadía! Que insolencia! Non hai ninguén xusto, nin legal, nin sincero neste val de pensamentos diversos. De pensamentos falsos. Porque os pensamentos son coma o tempo: van e veñen ó seu albedrío. Tempo e pensamentos. Pensamentos e tempo. Os dous nun mesmo feixe. E hai feixes que pesan unha barbaridade. Tanto que a súa carga manca nos ombreiros dunha vida que se ladea co paso do tempo. Hai feixes que atamos con reatas de silencio. E cando amontoamos, cando apiñamos os gavelas usamos sedeños para que a carga non se perda pola nostalxia dos carreiros. Non loites contra o tempo. Nin contra os pensamentos. Apanda coa carga dos soños e non deixes que a sombra dos sentimentos se alongue polo luscofusco dunha saudade que se leva moi dentro.

Café Paladium da Valenzá. Venres, 14 de setembro de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario