No
momento en que neste noso espectro
de
país se segue debatendo sobre máster, teses, plaxios, copias e
aforismos, un servidor leva xa dous días (hoxe será o terceiro)
traballando nunha tese que pode titularse: “Como se vendima desde o
amencer ata o luscofusco” (ou
ata a propia bocanoite).
Se
se quere, a cousa é moi sinxela: para acadar o máster, todo
consiste en baixar o lombo
ou a soá
e facer forza nos riles para levantar unha, dúas, centos de caixas e
un, dous, centos de cestos. Sinalando, por certo, que tal máster non
ten nin trampa nin cartón, nin
voltas nin reviravoltas.
É máis, agora mesmo, a estas alturas do luns, regaláballe o meu
máster a calquera samaritano que se prezase. A pena, a gran pena é
que non se presenta ningún. Sei que hai máster e teses que se
acadan como se acadan. Pero tamén sei que...
ufff, e o que non sabemos; en
cuestión de estudos, en cuestión de feitos, en cuestión política,
por suposto.
A
tese “Como se vendima desde o amencer ata o luscofusco” (ou ata a
propia bocanoite)
versa sobre unhas pobres xentes que cunhas tesoiras emprenden a faena
de cortar uvas a darlle cun sacho. Ó principio lévase a faena
como unha xuntanza de amigos e familiares onde, as bromas, pois son
bonitas. Cando as horas van pasando e a
soá empeza a renxer,
xa as bromas teñen outro ton; xa o que era gargallada se volve algo
así coma un sorriso... case tristeiro. Neste
terceiro día xa
non hai brincadeira.
Empezas a aldraxar
contra
os máster, as teses, os plaxios, as copias e os aforismos
politiqueiros e da Coroa. E
procuras, polo ben da Hispanidade, non pensar nos, polo menos, dous
días que aínda quedan para completar a tese. Se pensas neses dous
días, o normal é que a carraxe
e os insultos vaian moito máis alá desas falsidades
e deses politiquiños que van pola vida de listos e que, pouco a
pouco, se descobre que son
falsos como as pesetas.
Tamén
confeso unha cousa: que tan axiña como remate esta
tese, renuncio á miña carreira. Así de bravo son; saco unha tese
para renunciar a toda unha carreira que me custou sangue, suor e, si,
bágoas. A ver se me
van achacar
que plaxiei as gavias ou
que copiei as cepas
de tal veciño. Aí lle queda a viña e a carreira a
esa política bananeira que nunca puxo os ollos na agricultura deste
país. Tese rematada e carreira de viticultura para o recordo.
Finca
Fierro. Venres, 21 de setembro de 2018
No hay comentarios:
Publicar un comentario