domingo, 22 de noviembre de 2020

A MELANCOLÍA BAIXO UN BALCÓN

Escoitar ás once e vinte e cinco da noite a Chico Buarque co seu tema “Construção” é coma construír un mundo de cores onde tan só hai escuridade. A escuridade desta noite que, iso si, amosa un ceo aberto e quizais albergando unha xeada que caerá de madrugada. É bo que xee. Polo menos baixo a súa friaxe queda moito bicho morto que anda por aí solto. Xa podía matar tamén a esta covid-19 que si nos está aniquilando a nós, pobres mortais que moitas veces nin sabemos vivir e moito menos morrer. Por iso eu non morrerei nunca, ou polo menos ata os 123 anos; para que non me vexan lanzar o derradeiro suspiro os da miña xeración. A ver, teño o meu orgullo.


E pasando catro minutos das once e media da noite, podo dicir e digo que a ilusión que asenta sobre unha perla negra é como ver escrita unha estrofa de moitos versos para que alguén os lea. Escribir para o esquecemento non é plan. Sempre é bonito que te lean. Aínda que despois lles sexas indiferente. Porque non todos sabemos endereitar os regos. Un rego ben dereito é coma un soño único, desexado e sinxelo. Quen non quere soñar bonito?

Escoitar a Chet Baker ás doce menos vinte da noite e case coma querer botarse fóra da casa para deixar caer a melancolía baixo un balcón que sempre me cubrirá un pouco desa posible xeada que está a piques de caer. Resgardarse desta é coma comprimir os soños nun pequeno alento de ansiedade. Rematar certos pensamentos ás doce menos cuarto da noite é como deixar caer o silencio sobre min. Quedo en silencio.


Finca Fierro. Sábado, 21 de novembro de 2020

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario