martes, 24 de noviembre de 2020

TEMPO DE MATAR

Xa me chegou a idade para saber que podo matar. Quero matar o silencio que me mata. Quero matar o ouleo que me esgaza a gorxa. Ou o berro que me volve tolo. Quero matar a bomba que rebenta e a man que a lanza. Quero matar os piollos da memoria que furgan nas entrañas dun tempo que xa foi. Quero matar a quen deixou mortos nas cunetas e a quen fusilou contras as paredes. Xa teño idade suficiente para saber a quen teño que matar. E hai moito por que matar, a moitos a quen matar. Quero matar ese asubío que me sae nas mañás de néboa, cando na realidade necesito un pouco de silencio. Aínda que, despois, queira matar ese silencio que me mata.


Quero matar a eses pesadelos que lles dan a volta ós soños e a eses falsos sorrisos que se ven xa desde a distancia. Quero matar o tempo no que estou agora. Porque non me gusta, porque é escuro, porque é negro. Quero matar esa morte que non é nada, que non é nin tan sequera un baleiro. Quero matar ese alento que me afoga e ese verso que me rabuña a alma.

Porque é tempo de matar xa a palabra que manca, a mirada que atravesa, o xesto que crucifica e a acción... que mata. É tempo de matar nesta tarde gris e fría, nesta idade que xa é a apropiada e neste momento no que escribo. É tempo de matar este baleiro que afunde no silencio, que afunde aínda máis na nada, que rebenta a vida dun consolo, dunha ilusión, dun sentimento. Tempo de matar porque si. Por quedar libre do que ata ou do que esmaga ou do que esfola ou do que doe ou do que berra ou do que manca. Tempo de matar este silencio que mata.


Finca Fierro. Martes, 24 de novembro de 2020

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario