jueves, 12 de noviembre de 2020

O SEU LABIRINTO DE MISERIA

Por que choras, meu rei?, díxolle a muller ó home que estaba sentado nas escaleiras de pedra. Eu non choro, tan só verto augas sobre esta pedra mollada para poder dicir que chove sobre mollado. E quedaron os dous mirándose e sen saber que máis dicir. O home vestía farrapos dun abrigo vello que levaba anos colgado na palleira e a muller cortaba a respiración ante o escote dun xersei vello que atopara entre os cascallos dunha casa en ruínas. A parella semellaba un labirinto de miseria. Mais aínda así, o home púxolle á muller un auricular na súa orella esquerda para que escoitase un tema de Pink Floyd. A muller deixou que se abrisen os seus beizos nun sorriso enorme, ó mesmo tempo que lle soltaba un: meu rei! Sentou á beira do home. Mirouno ós ollos. Este, por vergonza ou por timidez, axiña fuxiu coa súa mirada e o beizo superior tremeu coma nun pequeno suspiro ou salouco. Ela directamente e el de esguello, estudábanse o seu labirinto de miseria. Pero no fondo eran felices. Víase a felicidade reflectida nos seus xestos, nas súas olladas incluso, aínda que as de el eran fuxitivas, efémeras.


Case sen querelo e non sabendo como, tocáronse as pernas e aínda que el se arreguizou un pouco non a apartou, e tanto o un coma o outro notaron unha leve calor que os transportaba a un mundo de ilusión. Tanta ilusión que, tamén sen darse conta, exploraron cun bico o seu labirinto de miseria. Sóubolles a agarimo, a refuxio, e souberon que acababan de atopar a súa propia riqueza. Meu rei!, dixo ela. Meu ben!, contestou el. Ergueron da escaleira e marcharon collidos da man e con sorrisos nos beizos.


Finca Fierro. Xoves, 12 de novembro de 2020

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario