miércoles, 11 de noviembre de 2020

CAPAR O RÍO

Lendo nun libro galego atopeime coa acción de cando uns personaxes lanzaban pedras a rentes da auga para que rebotasen cantas máis veces mellor. Nós a iso chamabámoslle “capar o río”. Xuntabámonos, ou mellor dito, xa estabamos xuntos un grupo de cativos gardando as vacas no monte e axiña acordabamos de ir capar o río. Así é que cada un collía as mellores pedriñas que puidese atopar (canto máis planas, mellor se deslizaban pola auga) e alá empezabamos unha pequena guerra ou competición de a ver a quen lle choutaba máis veces a pedra sobre a auga. Ganaba, por suposto, o que acadase máis saltos. Había auténticos especialistas na materia, aínda que todos, máis ou menos, o faciamos soberanamente ben. Porque, claro, estabas case todos os días capando o río, e a práctica, xa se sabe. Despois era bonito ver aquela figura na que se apreciaba como os saltos ían a menos e se facían máis curtos. E ver aquel ronsel que deixaba a auga era como para pillar unha foto para enmarcar.


Capar o río ten o seu aquel. Non se tira a pedra de calquera maneira. Hai que poñer certas posturas para que a pedra colla certa velocidade e non afonde xa no primeiro golpe de auga. E como xa dixen, hai que saber tamén buscar a pedra apropiada. Cunha calquera podes capar o río, como moito, cinco ou seis veces; pero cunha ben escollediña, eses saltos pódense facer eternos ou malos de contar a causa da velocidade -máis que da forza- do lanzamento. Neste caso tamén vale máis a maña cá forza. É igual; é un xogo bonito o de capar o río.


Finca Fierro. Mércores, 11 de novembro de 2020

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario