viernes, 20 de noviembre de 2020

UNHA PONTE A PEULLA

Haberá tres ou catro semanas que me chegou un guasap do escritor Eloy Gayán comunicándome que me remitía o último libro que escribira. A verdade é que me emocionei un pouco, pois como eu non son dos que me relaciono con xentes da cultura (quizais por vivir un chisco apartado do centro da cidade das burgas e, por que non, sempre fun un pouco vergonzoso, un pouco cortado para segundo que cousas), sempre é bonito que alguén se acorde dun. A Eloy Gayán coñecérao o 17 de marzo de 2017, cando presentara a súa primeira novela, “As damas silenciosas”, nunha libraría de Ourense. A causa daquilo escribíralle uns días despois unha daquelas reportaxes que publicaba na sección Testemuñas da Memoria.


Así é que tres anos e oito meses despois asomou na miña caixa de correo un paquetiño que contiña a novela “Unha ponte a Peulla”, cunha pequena dedicatoria incluída. Non me puxen con ela ó momento porque tiña pendentes de lectura dous libros da biblioteca que, ó ser de aí, teñen uns prazos para a súa devolución. Onte pola tardiña empecei co libro de Eloy Gayán. Hoxe, antes de xantar, rematei a novela. Si, é curta (154 páxinas tan só), pero a maiores é moi amena, moi fácil de ler. É deses libros que che fan dicir: por que non se escriben así a maioría; que con tan poucas páxinas goces o mesmo ou mellor que lendo todo un bestseller de centos delas? En 154 páxinas, Eloy lévanos polas terras de Chile cunha historia de amor moi bonita e baixo unha linguaxe realmente espectacular. Fermosa novela.


Finca Fierro. Venres, 20 de novembro de 2020

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario