lunes, 23 de noviembre de 2020

SINALADO POLA MORTE

Estou sinalado pola morte desde que nacín. Pero non penso poñerllo tan fácil. Á morte, digo. Antes quero rirme na súa cara durante moitos anos. Moitos. Eu ben sei que estou sinalado pola morte, pero non lle fago caso. Non me vai vencer así como así. Antes aínda lle teño que dar guerra ós que non me entenden. Ós que me entenden, para que quero unha guerra con eles? Non sei se me explico. E sei que hai moitos que non me entenden. E que? Aquí estou para explicarlles as cousas. Ó dereito e ós revés, se fai falta. E antes de que esa astrosa me venza, que aínda estará por ver se me vence.


Estou sinalado pola morte desde o 5 de abril de 1959, pero, xa vedes, máis de 60 anos dándolle guerra a esa malpocada. Á morte, digo. Lembro que me quixo visitar unha vez hai 40 anos, pero loitei con máis folgos ca un sapo ou a brazo partido, como se adoita dicir, ou case mellor co mosquetón ó ombreiro (era na mili) e conseguín vencela. Como carallo me ía deixar levar naqueles tempos se aínda era un adolescente, un parvioliño!

Demo negro, si, houbo outra vez no que me sinalou a condenada esa. O 14 de agosto de 1993, nunha estrada luguesa. Pero tamén lle puxen cara seria, cara de ferreiro e marchou co rabo entre as pernas. A morte, digo. Non obstante, recoñezo que a moi puta, aquel día, meteume o medo no corpo. Si, xa me sinalou por dúas veces, pero aquí estou, dándolle máis guerra ca nunca. Porque non me vai levar tan axiña como pensa ela. Non lle queda nada de espera! Máis de 40 anos aínda. Máis, máis, moitos máis.


Finca Fierro. Luns, 23 de novembro de 2020

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario