domingo, 22 de noviembre de 2020

UNHA BANDADA DE LUNÁTICOS

Unha bandada de lunáticos quixéronseme subir á chepa, pero non me deixei. Teño a miña carraxe dentro cando alguén se quere meter comigo. Ás veces ata lles cuspo na cara a algúns ou lles dou unha patada nas súas partes, para que saiban quen son eu. Eu son o Filomeno da Consuelo e fillo do Escornabois. Un dos lunáticos é o fillo da Audosia Repenica, que sempre me caeu algo atravesado, porque unha vez vin como desprezaba á filla da Perrecha. Xa sei que é unha palabra fea, pero así lle chaman; que lle vou facer eu! Claro que o de palabra fea é para eses señoritos que son moi recatados, pero como tal vocábulo, ben que asoma nos dicionarios. E digo sempre que todo o que aparece nos dicionarios é para usarse, non si? Outro dos lunáticos era Roxelio Sandiós, ó que lle faltaba un fervor, pero para facer dano si lle regulaban ben os miolos. E había tres máis ós que non coñecía ben. Sei que eran da contorna, pero non sabería concretar as súas aldeas.


Pois os cinco lunáticos quixeron saltarme á chepa cando ía camiño do muíño do Dositeo, pero eu, claro, non me deixei. Porque levaba unha gadaña sobre o ombreiro dereito (ó volver do muíño pensaba coller un feixe de outono no Rigueiral, lugar pegadiño á aldea de Bouzas) e cando a puxen en dirección ós seus corpos miráronse entre si e frearon en seco. “Este será capaz de...”, dixo un. Probade, a ver; contesteilles. Bandada de lunáticos, carallo, que non aguantades unha labazada dun esquelético! Quedaron coa boca aberta e liscaron co rabo entre as pernas. A ver, de algo me ten que valer a carraxe que levo dentro.


Finca Fierro. Domingo, 22 de novembro de 2020

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario