lunes, 27 de enero de 2025

O RAÍL DA ESPERANZA

 

Sento sobre o raíl da esperanza; ese que leva á ponte das Cepas. Moitas tardes de domingo da infancia era un percorrido que realizabamos polo atractivo da altura da ponte (sobre 50 metros) e pola tensión, mesmo o temor, ó paso do tren no momento de cruzar o túnel que hai antes de tal ponte.

Tardes de domingo tan só, porque as outras tardes, ou ben estabamos cos estudos ás voltas, ou ben fochicando nas leiras, ou ben gardando as vacas no monte.


Ó mesmo tempo que subiamos cara ó barrio da Estación, iamos pendentes de atopar cabichas pola estrada ou polas cunetas da mesma. Se as cabichas eran grandes xa as fumabamos directamente (naqueles tempos, e de nenos, non pensabamos para nada nos contaxios, nas enfermidades por levar ós beizos cabichas que se mollaran con outros cuspes ou salivas); se eran pequenas, ó xuntar unhas cantas, desfaciámolas para, logo, lear un cigarro; ou ben co propio papel de lear se o tiñamos, ou ben cun cacho de periódico. O caso era fumar.

Ergo do raíl da esperanza e sigo camiño á ponte das Cepas. Ó chegar a esta dobregabamos os corpos sobre a varanda e choutaban os comentarios sobre a altura e sobre o momento dunha posible caída sobre os penedos do río Arnoia, que, por aí, baixa bravo e ruidoso.

Ás beiras da vía do tren, os toxos amosaban as súas flores amarelas e as bromas saían das nosas bocas en referencia a tirarse a eles, ós toxos.

Chego á ponte das Cepas e volvo sobre os meus pasos polo mesmo raíl da esperanza.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 24 de xaneiro de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario