martes, 14 de enero de 2025

UNHA PEQUENA REVOLUCIÓN


A xeada fora tan grande que, logo de xantar, apetecía saír a tomar o sol, ó mesmo tempo que me encamiñaba ó bar San Dios a tomar un café. Comigo saíu miña nai e, xusto nese instante, empezaron a caer unhas poucas pingas de auga. Tamén xusto nese momento empezou unha pequena revolución que me deixou medio coa boca aberta.

Miña nai que bota a correr con dirección á Aira de Arriba para recoller a roupa que Paulina tiña alí tendida. Esta veciña vivía algo máis abaixo, pero tendía a roupa na aira polo espazo e porque se lle aireaba mellor. Ó mesmo tempo que miña nai corría, xa lle estaba a berrar á Catalina para que esta tamén saíse a recoller a roupa. A tal Catalina tíñaa á beira do cemiterio.


Os berros de miña nai alporizaron o galiñeiro e, así, a veciña de enfronte, a Federica, tamén berraba pola súa filla para que lle axudase a recoller a roupa que tiña tendida no balcón. Esta é certo que estaba bastante a cuberto, pero como o balcón está alto, o aire sempre mete algo a auga.

Catro pingas de chuvia (ó final serían tan só catro gotas) estaban a esparexer o sangue e facerlle a dixestión a todo o barrio da Igrexa de Baños de Molgas. A todo; xa que mentres me dirixía ó bar, vin como diversas veciñas máis saían apresuradamente das súas casas para recoller a roupa entre berros e risas pola apurada.

O espectáculo era auténtico; a imaxe dos veciños e veciñas correndo e berrando deixoume unha estampa moi semellante á dos anos 60 e 70 do século pasado. Ás veces mesmo parecía unha película de Fellini. Hai situacións que non cambian nunca. Esa era como a dun nobelo cando empeza a desenvolverse, a desenrolarse.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Domingo, 12 de xaneiro de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario