jueves, 9 de enero de 2025

O CASO ERA LER


Busquei por entre as toxeiras da infancia ó Capitán Trueno e á súa camarilla: a súa muller Sigrid de Thule (guapa a rabiar) e os seus amigos Goliath e Crispín. Non se deixaron ver. Normal. Fun pouco de cómics e, aínda que lera moitos dese personaxe e de Jabato, tirei máis para os libros.

Non fun de cómics porque os lía nun amén e as mañás e tardes no monte coas vacas eran longas. Para pasar entretido as tres horas ou catro no monte tiña que levar unha maleta de historietas. Mesmo xa tiña que levar bastantes novelas do Oeste para matar o tempo. Adoitaba levar tres pola mañá e tres pola tarde.


As de Marcial Lafuente Estefanía tiñan, por costume, 96 páxinas e levábame hora e pico lelas, polo que caía unha detrás doutra. Gozaba tamén coas de Silver Kane (chegaron a gustarme máis que as de Estefanía pola linguaxe) e coas de Clark Carrados, que agora mesmo acabo de saber que eu o seudónimo de Luis García Lecha. Silver Kane era en realidade Francisco González Ledesma.

Como non ganaba para novelas (Seis diarias era moita novela. Máis ben deixábanmas. Eu non tiña nin para comprar un Peninsulares), tiven que botar man da biblioteca de Baños de Molgas e, aí si, aí foi onde lle atopei o teto á vaca. Lin tanto que tiven que usar un sistema, unha orde: empezar cos que pensaba que me gustarían, seguir cos máis voluminosos para que me botasen días, continuar coas obras completas de tal ou cal autor por ser voluminosas e ídem da duración e, finalmente, a opción de pillar de a feito: desde ficción ata filosofía, desde química ata agricultura, desde biografías ata calquera tema ou categoría que coincidise nese momento. O caso era ler.


Café Rooster. Ourense. Martes, 7 de xaneiro de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario