Evaristo Sánchez Penedo leva sete días e dezaoito horas perdido polos confíns do universo. Uns minutos antes deses sete días e tantas horas dixéralle á súa noiva, Margarita Piedra Estrada, que ía collerlle a lúa para poñela ós seus, ós dela. Dito e feito; subiu ó faiado, colleu o traxe de astronauta, puxo unha bomba con mecha no fondo do tubo da calefacción, acendeu a mecha e subiu correndo ó tellado para fincarse no alto do tubo.
Cando a bomba estoupou, Evaristo, ó que lle chaman precisamente O Astronauta, saíu despedido igual que os foguetes que se lanzan na procesión de san Salvador de Baños de Molgas. O que pasou despois é fácil de adiviñar: que O Astronauta debe colocar mal algún brazo que errou na dirección. Cada vez se apartaba máis da lúa. Lúa á que non conseguía ver por culpa das nubes que cubrían o ceo molgués. Ó atravesar estas, ía xa tan despistado, tan desorientado que non tardou en caer do burro: sabía que andaba perdido.
Porén, malo será que non atope o camiño. O que pasa é que van xa sete días, dezaoito horas e algúns minutos nos que non atopa tal camiño. Cando chegou ós aneis de Saturno torceu o xesto, deulle nova dirección ós brazos e a ver que pasa. É certo que conseguiu retroceder, pero como tampouco volveu pola ruta que levara, el mesmo soubo que cada vez estaba máis perdido.
Sen desesperar, tivo o humor suficiente para escribir unha mensaxe no móbil, deixou caer este e toca esperar a que alguén o atope, confiando, iso si, en que caese en algún lugar habitable. Tivo sorte, atopouno unha pigmea que, ó ler “sigo buscando a lúa para poñela ós teus pés”, emocionouse de tal maneira que tivo que sentar. Así leva xa unhas horas.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Domingo, 5 de xaneiro de 2025
No hay comentarios:
Publicar un comentario