Collín o metro de medir, non o de transporte, e optei por medir a distancia que vai de Baños de Molgas a Moscú, por exemplo. É pouca. Para o Rápido de Bouzas é pouca. Eu son o Rápido de Bouzas. Hai tempo xa que alguén me chama o Rápido de Bouzas porque seica me ve andar moito e, case sempre, ás présas. Sinceramente, ás veces son como unha chispa ou raio ou alustro. Tamén é certo que, cando quero, só cando quero, son como unha estatua ou momia ou moble non movéndome. Poucas veces, certo. Se ando ás présas e moito é porque incluso nisto non me gusta perder o tempo e vou de aquí para alá cun ritmo subido do normal.
Un día pregunteille a esa persoa que por que lle saíu ese nome; que o de rápido entendérao, pero o de Bouzas non. E iso que a un quilómetros (metro arriba, metro abaixo) de Baños de Molgas está a aldea de Bouzas, pero coa que non teño practicamente ningunha relación e moito menos esa persoa que me chama desa maneira. Antigamente si tiña relación con esa aldea, que ía tornar a auga ós lameiros do Rigueiral e da Barxeliña. “Unha expresión”. Foi o único que comentou.
Quixen saber algo máis e busqueina no que, hoxe, todo o sabe: a wikipedia. Tan só me aparecía o equipo de fútbol do barrio de Bouzas, en Vigo. Porén, e non sei por que (ó mellor porque xa o lera en algún outro lado), a min tamén se me vén algo dalgún tren rápido. É igual. Admito que tal expresión ou tal nome vaime ben, si.
Son tan rápido que, aínda sen estirar toda a cinta do metro, xa estaba no medio e medio da Praza Vermella de Moscú. O de Rápido de Bouzas xa se queda pequeno.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 14 de xaneiro de 2025
No hay comentarios:
Publicar un comentario