Olladas que caen no espazo sideral
dun planeta que xira sobre si mesmo. Palabras de auga sobre unha feira
literaria que arrinca en datas próximas a un eclipse de lúa. Murmurios que
veñen e van polos camiños que atravesan chairas e corredoiras. Xentes que se
deteñen ante penedos que atrancan os carreiros da memoria. Os atrancos hai que
vencelos cos recordos do pasado pero con perspectivas de futuro. O presente tan
só se vive. Olladas. Palabras. Dixomedíxomes. Xentes. Atrancos. Ninguén pensa
que o tempo é aquel recordo no que a nostalxia se bambea entre retrincos, entre
fragmentos de melancolía. Ninguén soña cunha viaxe por entre as estrelas dun
universo cheo de meteoritos de cor branca. Que bonito é navegar polos soños
infantís, de cando o pirata era capitán e o barco unha nave estelar. Hai
camiños que levan ata máis alá do infinito e temos momentos nos que unha
estrela nos ensina a distancia entre unha letra maiúscula e o punto final. Nesa
distancia está o parágrafo, o relato, o conto, a novela, o libro.
Café Paco Paz de Ourense. Xoves,
29 de maio de 2014
No hay comentarios:
Publicar un comentario