Tan axiña como lin en certos
anuncios periodísticos, en certas comunicacións, de que o día 27 de outubro
presentaban no Liceo o libro "Castrelo de Miño, loita, represión, espolio,
desastre ecolóxico, desastre humano", do escritor lugués Arturo Reguera,
souben que tiña que asistir á mesma. Por que? Porque de rapazolo lera un libro
de Xosé Fernández Ferreiro titulado "Morrer en Castrelo de Miño" que
xa naquel tempo me gustara moito. Porque sabía de cancións protesta sobre o
encoro desa vila do Ribeiro por medio de Suso Vaamonde e de Fuxan os Ventos,
entre outros. E porque, o máis importante e principal, que desde hai máis de
vinte anos teño relación con ese concello: a miña amantísima muller, dona e
señora é de alí. E iso tira, vaia se tira! Ou fanche facer que tira, que todo é
posible (e deixo escapar un sorriso medio de esguello)
Fun, entón, ó Liceo. E tan só coa
formación da mesa da presentación, xa valera a pena a asistencia. Arturo
Reguera estaba flanqueado, á súa dereita, por Manuel Peña Rey, médico e histórico
líder comunista, e á súa esquerda por Xesús Alonso Montero e por Ricardo
Gurriarán, da Fundación 10 de Marzo e historiador. De Alonso Montero non
escribín nada entre comas porque, este señor, e tamén desde ese día, merece
unha reportaxe á parte. A proba é que me deixou tan alucinado ó falar que alí
mesmo me prometín esa futura reportaxe. Sabía das súas letras, lin moitas cosas
súas, pero nunca o oíra falar. A paixón con que o fixo foi a que realmente me
enganchou.
Pero hoxe o gran protagonista é Arturo
Reguera co seu libro. Escribiu tal libro porque o 15 de maio de 1966, fixo xa
50 anos (de aí tamén a publicación desas pouquiñas páxinas, conmemorando eses
anos), iniciouse no concello da miña dona o conflito agrario máis importante
que se dá no franquismo desde que se implantara este en España, desde 1939, e
por culpa do feudalismo eléctrico dunha empresa de ricos, como era Fenosa. A
causa era a construción dun gran encoro no río Miño que asolagaría todo o val
de, quizais, a zona máis rica do Ribeiro.
A loita é certo que a iniciaron os
propios labregos como reacción á perda das súas terras e ás reducidas
indemnizacións. Mais axiña se incorporaron a esas loitas o Partido Comunista e
outras organizacións, principalmente culturais. Co pretexto, coa escusa dunha
homenaxe que se lle fixo ó poeta Celso Emilio Ferreiro o 15 de maio de 1966 no
hotel Roma de Ourense, practicamente todos os escritores e personaxes culturais
daquela época empezaron a ler e ditar manifestos contra as obras do encoro,
desde o gran Otero Pedrayo ata o propio Reguera, pasando por Blanco Amor,
Méndez Ferrín, Manuel María e Alonso Montero, entre outros. O dito, a flor e a
crema cultural galega. Pódese dicir que foi o primeiro mitin político celebrado
en Galicia logo do golpe de estado do 36.
O encoro construíuse, realizouse,
pero grazas á loita conseguiuse que as indemnizacións variasen bastante o
prezo. Non obstante, xa se sabe, "os pequenos propietarios non tiveron
outro remedio que emigrar, mentres que os grandes, cos cartos que recibiron,
participaron da enorme especulación inmobiliaria da época en Vigo",
segundo o propio autor.
Arturo Reguera naceu en Lugo no
1945. Estudou no Instituto Masculino da súa cidade, onde foi alumno do profesor
Xesús Alonso Montero, co que mantén unha profunda relación desde aquela. No
1962 empezou na Universidade de Santiago, ó ano seguinte pasou á de Barcelona
para estudar enxeñería, e no seguinte á Madrid. Volveu a Santiago para, xa
definitivamente, estudar Económicas e licenciarse.
Politicamente pasou pola UPG,
militou no PCE e a partir do 68 no PCG. Nese ano tivo unha activa participación
na folga universitaria, que Ricardo Gurriarán recolle no libro "Inmunda
escoria". Fixo a mili na mariña de Ferrol e, claro, o non pertencer ó
Réxime pois, xa se sabe... calabozo que te criou! Saíu da mili coma se non
saíra... cárcere que te criou! Pero, homiño de Deus, a quen se lle ocorre... ir
en contra do Paquiño.
Arturo Reguera foi director da
redacción da Gran Enciclopedia Galega de 1974 a 1981, e fundador e director da
Editorial Sálvora de 1981 a 1985. Desde que se xubilou como profesor de
informática no Instituto San Clemente, de Santiago, vive en Grândola
(Portugal), onde, por certo, ten unha impresionante colección de traducións ó
portugués da novela quizais máis famosa de todos os tempos, o gran Don Quixote.
Café Paseo de Ramoleox da Valenzá.
Xoves, 1 de decembro de 2016
Publicado
en La Región o venres, 13-01-2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario