Maldito tempo! O tempo pasa e
todo cambia. E iso que sendo neno nunca pensabas que aquela etapa tería fin;
que as rúas de Baños de Molgas, que as airas de Baños de Molgas e que os amigos
e veciños de Baños de Molgas non cambiarían nunca, estarían sempre alí. Mais
axiña o tempo che di que nin rabo de peixe, que diso nada. E non queda outra
que emigrar. Uns e outros. Ó emigrar perdes pouco a pouco o contacto coa xente.
Tivo que haber unha revolución, chamémoslle
informática, para que eses contactos, tamén pouco a pouco, empezaran a aboiar
de novo. E volveu ser o maldito e bendito feisbuq o que me descubrise que temos
todo un camión molgués polas terras vascas. E eu sen decatarme! Alguén publicou
unha foto e uns comentarios dun tal Alberto Ferreiro. Anda carallo, o fillo do
Legión!, exclamei ó momento. E mira ti o que fai, a que se dedica! O que fai o pobre
rapaz é ser campión dun deporte que, pobriño tamén, moi pouquiños coñecen (algo
moi semellante á reportaxe que fixera sobre Julián Sorga, que está metido no
culturismo): o squash. O que? O squash. E iso que é? Algo así coma o tenis,
pero contra unha parede, ou coma o frontón pero con outras raquetas e outras
pelotas. Ah, vale, vaia trapallada! Si, aquí, fóra do fútbol, o demais… unha
quimera, toda unha trapallada.
Furguei un chisquiño por aquí e
por alá e, claro, só que fose por iso do “minoritarismo” xa creo que merece
unha liñas, un recoñecemento a eses esforzos que, mirade vós por onde, case
ninguén lle vai recoñecer. Así é que non houbo outra que poñerse en contacto
con el. Foi fácil: solicitude amizade feisbuquiana ó canto e, normal, como
somos veciños, é dicir, molgueses, axiña contestou. Afirmativamente, claro.
Faltaría máis!
Tamén
moi rapidamente me mandou un extenso currículo sobre a súa vida e as súas
actividades. Fíxome moita graza o primeiro parágrafo cando me escribe que é
fillo de José Ferreiro e Dolores Iglesias, coma se eu non coñecese ben ós seus
pais. O Legión e a Lolita! Aí é nada! O pai do Legión era curmán da miña nai e
veciños case de porta con porta, ou veciños de aira, que no seu caso así se
pode dicir. E coa familia da Lolita, ufff, non fun veces con eles para o monte.
Principalmente seu tío Canea!
A ver, levo catro parágrafos
falando de Alberto Ferreiro coma se fose de Baños de Molgas. Creo que el mesmo
recoñecerá que é… aínda que non o sexa. Porque este campión de squash naceu realmente
na localidade suíza de Basilea o 2 de xullo de 1975 (41 anos), aínda que, creo,
ós seis anos xa se viñeron para Éibar, no País Vasco, onde seguen. Non
obstante, como a maioría dos emigrantes, volven ó seu lugar de nacemento (no
caso del, o dos pais) cada dous por tres, é dicir, tan axiña como poden. Logo,
para máis aquel, casou coa neta dun molgués. Ou sexa, que as raíces seguen
furgando pola vila termal.
Alberto Ferreiro Iglesias é
campión vasco dun deporte minoritario, pero, ai logo!, empezar empezou no
fútbol. Pasou por varios equipos e varias categorías do fútbol rexional guipuscoano.
E non foi ata os 27 anos cando se lle deu polo squash, a nivel afeccionado.
Meteuse no Benedikta Squash Club de Sestao para facer un curso de iniciación.
Pero o seguinte curso xa largou para Tarragona para que o adestrase o propio
seleccionador nacional de squash, Tino Casas. Foi a partir de aí cando se
desenvolveu a súa evolución, que, por certo, foi meteórica. Empezou a ganar
trofeos e torneos a darlle cun sacho.
No 2007, con varios xogadores de
Éibar, creou unha Comisión de Squash dentro do Club Deportivo Éibar e hoxe en
día ostenta a presidencia desa Comisión. Un ano máis tarde, a directiva da
federación vasca dimitiu en bloque. Alberto, sen andar con días santos ou sen
torcer o rego, recolleu o testemuña e asumiu o cargo de director deportivo.
Fóra dos despachos segue gozando
dese fermoso deporte, do que din que é un dos máis rápidos e extenuantes que
existen, tanto que as propias compañías aseguradoras o catalogan como “deporte
de alto risco”. (Ai, neniño, ten conta!) A base de traballo, de tesón e dun
forte espírito de competitividade, aí están os seus campionatos absolutos de
Euskadi nos anos 2014 e 2016, e os seus subcampionatos no 2010, 2012 e 2013.
Todo un crack!
Café Paseo de Ramoleox da
Valenzá. Xoves, 15 de decembro de 2016
Publicado
en La Región o venres, 06-01-2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario