Está
a piques de cumprirse un ano (o 11 de marzo) da publicación neste
Testemuñas dunha reportaxe sobre a Coral Ansuíña de Baños de
Molgas, na que comentaba que un dos grandes artífices que fixo
posible que xente desa vila pasase dos "sachos ás habaneras",
fora o Padre Paúl Crisanto Fernández. E nela xa comentaba que este
home era merecente dunha pequena homenaxe por parte dun servidor.
Pois aínda que non fun moi seguidor da Coral (por culpa da miña
estancia en Madrid), si souben dos seus andares grazas á miña nai e
si me admirou sempre o tesón e a ansiedade dunhas persoas que,
algunhas delas, non tiñan nin idea do que era unha nota musical; tan
só cantaban "á súa maneira" cavando nas hortas e nas
patacas.
Crisanto
Fernández creo que lles ensinou algo máis que notas musicais...
daba gusto ver saír a Lola da casa cos seus setenta anos coa carpeta
debaixo do brazo e dicíndome "imos ensaiar". E notábaselle
na cara e no ton da voz que aquilo era algo moi serio, era algo máis
ca dicir "vou tornar a auga". Daba gusto apreciar cómo un
grupo de xente, de veciños, incluso coas súas diferenzas
económicas, sociais, de emprego, etc. se xuntaban e convivían
durante un par de horas ou máis, e "facían piña". Creo
que Crisanto era a lazada da corda: que a apertaba ou a afrouxaba,
segundo a ocasión, para que ninguén se lle fose "por
peteneras", que non se lle saísen pola tanxente. Hai que
lembrar que non todos temos a voz de Rocío Jurado ou de Nino Bravo,
aínda que moitos intentamos imitalos. Grazas a este home bondadoso
puiden escoitar á miña nai cantando e sen chamar a atención.
Lembro de neno a vergonza que pasaba na misa ó ver cómo a xente se
revolvía ante a voz da miña proxenitora. A verdade é que
destacaba, e non pola modulación, senón polo volume. O director da
Coral Ansuíña soubo moldearlla.
Crisanto
Fernández Seoane naceu o 17 de agosto de 1942 en Reza, parroquia de
Carracedo, concello de A Peroxa. Era o penúltimo de trece irmáns
(calquera ve hoxe unha familia desas) Estudou primaria en Fraguas
(Quintela de Leirado) e o bacharelato, como non, no colexio dos
Milagres. Non sei por que, pero dáme que neste lugar estudou máis
da metade da provincia de Ourense e parte do estranxeiro. Ó rematar
no colexio do monte Medo de Baños de Molgas, tivo que largar para
Vilafranca do Bierzo, porque era a onde ían os que se "presumía"
que estudaban para curas. Cando concluíu co bacharelato seguiu con
Filosofía en Hortaleza (Madrid) e Teoloxía en Santa Marta de Tormes
(Salamanca). Tamén acadou a carreira de piano.
Entrou
no Seminario Interno o 18 de setembro de 1960, que o fixo en
Hortaleza, e incorporouse definitivamente á Congregación dos Paúis
xusto cinco anos máis tarde. Ordenárono diácono o 30 de maio de
1968 en Santa Marta de Tormes. Axiña o mandaron como organista a
unha parroquia de Madrid, á de San Roberto Belarmino, onde se
mantivo un ano, xa que marchou para Vilafranca do Bierzo, tamén como
organista e como profesor. Alí estivo durante sete anos, ata 1976,
que foi cando o destinaron ó colexio de San Narciso de Marín, en
Pontevedra.E de aquí, faltaría máis, ós Milagres, no 1980; de aí
que eu non chegase a telo de profesor, xa que este molgués que
escribe rematara alí os seus estudos no 1978, creo. Crisanto ensinou
nos Milagres ata 1991, é dicir, ata que pechou o colexio; pero
incorporouse á Comunidade do propio Santuario do Medo. No 2003
marchou para parroquias de Andalucía durante cinco anos, e logo xa
se incorporou definitivamente a Santa Marta de Tormes, onde tras case
dous anos de enfermidade (o último prostrado na cama e sen apenas
recoñecer a ninguén -demasiado novo para isto), finou o día 16 de
decembro de 2010, hai xa seis anos.
Certo
que o motivo desta reportaxe débese á labor que realizou coas
Corais Ansuíña de Baños de Molgas e Albricias de Maceda, pero non
quero deixar pasar por alto o tempo que lle dedicou á etnia xitana
desta última localidade coas súas iniciativas culturais para
favorecer a integración dos mesmos, nin tampouco hai que esquecer a
súa tarefa na prisión de Pereiro con, tamén, os reclusos da citada
etnia.
Crisanto
Fernández Seoane pode que falase pouco, que fose un chisco apoucado,
pero era un bo home, paciente, xeneroso, amable, sinxelo, bo
compañeiro e moi amante dos pobres. Pero ante todo, foi o que soubo
mesturar os sachos coas habaneras.
Café
Ramoleox da Valenzá. Xoves, 12 de xaneiro de 2017
Finca
Fierro. Xoves, 12 de xaneiro de 2017
Publicado
en La
Región
o venres, 20-01-2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario