viernes, 22 de mayo de 2020

A NUDEZ ANTE O ESPELLO

Neste tempo de horarios restrinxidos, a Irma Epistolar non lle queda outro remedio que saír coa súa filla a unha certa hora da tarde. Optan por un paseo de subidas e baixadas para, así, tamén poder suar un pouco e facer exercicio, xa que o confinamento de máis de dous meses ó que as está castigando o Covid-19 empeza a facer estragos en todo a sociedade. Xa rematado o paseo, xa suadas, xa endurecidos os músculos, a Irma Epistolar non lle queda outra que facer un auténtico esforzo ó entrar na casa. Coma dúas cativas, a filla sobe no ascensor e Irma opta polas escaleira, e a ver quen chega primeiro.

O esforzo de Irma é descomunal, pois quéirase que non, catro pisos son catro pisos e, claro, chega arriba toda esgotada e botando os bofes. Polo que se encamiña inmediatamente a relaxar os músculos, o esforzo e a tensión a unha ducha refrescante e longa, moi longa. Pero antes, íspese ante o espello e contémplase. A pesar da suor e da canseira, vese guapa e séntese feliz. Deixa abrir os seus beizos nun enorme sorriso e o espello reflicte, nun simple suspiro, a beleza feita figura. Nota a súa nudez tan bonita que ganas lle dan de facerse un autorretrato. Pero por certo apuro ou porque o bafo xa se fixo dono e señor do espello, non quere que a súa fermosura quede esfumada. Pouco a pouco deixa que o seu sorriso se vaia pechando e sen máis miramentos introdúcese na ducha e deixa que as pingas de auga biquen toda a súa linda, fermosa nudez. Ó rematar quere contemplarse outra vez, limpa, segura, descansada, pero o puto espello aínda non se desabafou.


Finca Fierro. Venres, 22 de maio de 2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario