domingo, 17 de mayo de 2020

PEITO FLORIDO

No Día das Letras Galegas deixo que o pensamento viaxe cara á un peito florido pero acochado. Escondido ante a intemperie dun vento mariñeiro. Deixo que a ansiedade suba polo meu peito e que un poema duns cantos versos gabe a fermosura da causa dun desexo. Ó mesmo tempo quero que cabalgue “a promesa” de Melendi por toda a novela. Esa novela que se escribe día tras día e conversa tras conversa. Esa novela na que, a intriga, estará no pensamento e o final, que remedio, será feliz. Porque a felicidade consiste en soñar esperto.

No Día das Letras Galegas adiviño os bicos do peito e deixo que as ondas do mar me fagan aboiar pola espuma branca dunha vida chea de momentos enormes, intensos e profundos, moi profundos. A tentación vive debaixo dun sombreiro. E o desexo queda preñado de romanticismo para, co tempo, distribuílo verso tras verso. Sempre haberá poemas que dan alento! No Día das Letras Galegas corro pola praia espida de silencio, pero chea dun anhelo que se mete moi dentro. E deixo que un tema de Sabina vaia e veña por entre os beizos dun sorriso enorme e branco, moi branco. E como dicía aquel, sempre quedará a dor dun peito que doe a causa dos latexos e a intensidade dunha mirada que chegará; ten que chegar. Adiviño o peito florido e pecho os ollos para velo en toda a súa beleza e pensar que ante a imaxe hai toda unha historia chea de nostalxia e de consolo. Unha imaxe que vive e deixa vivir. No Día das Letras Galegas contemplo o peito florido e creo que a vida é un continuo suspiro.


Finca Fierro. Domingo, 17 de maio de 2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario