lunes, 25 de mayo de 2020

VIVIR DA ESPERANZA

O mes das flores chega pouco a pouco á súa fin. Chega con calor e con certa liberdade para os encerrados, oprimidos, pechados, encarcerados desde o 14 de marzo. Non obstante, sigo dicindo que... pobres topos aqueles da ditadura franquista. Son as catro e media en punto da tarde. En punto, nin minuto arriba nin minuto abaixo. O sol aperta. Anita O´Day canta en inglés. Eu escribo en galego. E moitos galegos soltan o castelán. Non vaia ser que... Cambio de tema. Non vaia ser que moleste, que amole, que importune, que xiringue. Ufff, que palabra máis chula. Para que despois digan que o galego tal, que o galego cal. Por Deus, falade incluso o “castrapo”!, que algo sempre é algo, algo sempre queda. Puto Sanjenjo! Pero de los marcos de las leiras bien que me acuerdo.

Phillip Glass soa cun tema da película “O ilusionista”. De ilusións vivimos moitos. Pero é bonito vivir delas. E da esperanza, da esperanza si que é bonito vivir, aínda que amole tamén de carallo. Pero... pero non todo ben dado. Uns e outros temos que axustarnos ás veces ás migallas de pan que hai polos camiños. A vida algunhas veces escaralla, pero xeralmente, se un é competente tira para adiante, bótalle peito ó asunto e aquí paz e despois gloria. Como ten que ser! A vida é unha bágoa e dous sorrisos. A bágoa xa caeu. Os sorrisos están aí e estarán sempre. Ninguén me vence con catro paus mal dados! Agora deixo que a tarde transcorra paseniño e que a nostalxia dun recordo ou dun encontro asente con parsimonia no meu peito. Por veces, son así de profundo. Aínda que afogue.


Finca Fierro. Luns, 25 de maio de 2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario