lunes, 11 de mayo de 2020

BAILO POR BAILAR

O que non baila é un aburrido, din por aí nunha canción. Menos mal que eu bailo as catro pezas dunha ilusión. Bailo sobre a folla do loureiro e o compás dun astronauta. Por bailar que non quede. Son capaz de bailar ante o balcón da esperanza e ante a beirarrúa da sorpresa. Cada un que entenda o que queira. Por bailar non lle caen os aneis a ninguén. Bailo como a lebre do conto e animo á tartaruga do invento. Incluso me atrevo a bailar agarrado a vestidos de cores e a quedar prensado por sorrisos enormes. Son o rei do baile, sen música e sen gaitas. Bailo sobre a rama dun codeso e sobre as ás do silencio. Bailar en silencio é íntimo, moi íntimo.

Tamén se pode bailar mentres se deixa caer entre paso e paso ou peza a peza un berro seco. Porque o baile é coma unha expresión que sae de dentro. Bailo baixo o compás dun asubío e deixo que os meus soños viaxen ata o infinito. Porque aínda moito máis alá está a desexo dun sorriso. Bailo por bailar. Por ver como a rula aniña sobre unha silva chea de misericordia ou sobre un piorno que medra por entre uns toxos. Bailo da mañá á noite, e tan só acougo cando o silencio se viste de azul ou cando o desexo acariña un vestido vermello. Eu son así de prosmeiro. Ó mellor é que me abafan ou que me choran os sentimentos. Bailo baixo a lúa en cuarto minguante e cunha aguillada na man dereita e un poema solto na man esquerda. Bailo porque teño que bailar. Bailo mentres converso sobre aqueles pensamentos que veñen e van polo meu universo. Bailo por bailar.


Finca Fierro. Luns, 11 de maio de 2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario