jueves, 8 de octubre de 2020

CARA Ó POLO NORTE

A tarde de outono está tan quente que, aínda que non se seguise a restrición por culpa do coronavirus de tomar algo tan só nas terrazas, non quedaría outra que facelo igual. Porque hoxe dá gloria tomar un cafeciño nunha terraza. Ó mesmo tempo deixo que a cabeza analice as dúas opcións que me asaltaron tan axiña como lin un pequeno titular nun xornal: seica ata mediados de 2022, ou aínda máis alá, non faremos vida normal, en referencia, claro está, a ese Covid-19 que vai facer xa sete meses que nos trae a mal traer ou que nos consume os folgos.

Ou marcho para o Polo Norte ou para unha galaxia moi afastada. Esa son as dúas opcións. Gustaríame optar por Australia ou polo Canadá, pero como aí tamén está o bicho, escollo o polo Polo Norte, máis por aquilo de que como dicían que a moita calor ó mellor matábao, e como non o fillo, a ver se o frío se o fai; é dicir, a ver se se lle conxelan os güevos ó coronavirus ese.


Claro que -imaxino que xa sabedes-, a miña ilusión sempre foi, é e sempre será o espazo, a galaxia afastada (de algo me terá que valer o título de astronauta). Astronauta son, pero fáltame a nave espacial. E o meu amigo extraterrestre quedou en que non volvería aterrar na Pitediña ata polo menos o 2024. Teño un dilema do demo! Ou non; no terceiro sorbo do café xa sei o que vou facer; chego antes ó Polo Norte andando que esperando ó meu alieníxena. Non o penso máis, deixo os cartos do café sobre a mesa e, sen despedirme de ninguén, emprendo o camiño cara ó Polo Norte.


Finca Fierro. Xoves, 8 de outubro de 2020

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario