lunes, 12 de octubre de 2020

O CAMIÑO DA ESPERANZA

Hai camiños longos e curtos. Hai camiños curvos e rectos. Hai camiños lisos e con atrancos. Hai uns meses collín un camiño longo, recto e liso por entre uns lameiros verdes de esperanza. O sol refulxía, a lúa alumeaba e as estrelas brillaban. Todo moi bonito. Polo que, con moita ilusión e máis esperanza emprendino paso a paso, asubío tras asubío, cun sorriso aberto e co corazón mancándome no peito. Por culpa dos latexos. Pero era unha dor agradable, melancólica e nostálxica. Que carallo, a vida é unha lágrima e dous sorrisos. Eu estaba cos sorrisos. Non obstante, a alegría na casa do pobre dura pouco. Ós poucos quilómetros o camiño empinou e semellou que remataba nun atranco enorme e case imposible de salvar. Un penedo de tres pares de narices interrompía o percorrido.


Mingüei os pasos porque tiña que pensar no que debería facer. En principio, optei por sentar e tomar un descanso. E xa non me importaba que fose un descanso incluso de días. Pero tiña que atopar algo, non sei que, pero algo para evitar o obstáculo e seguir. A carraxe, ás veces, facía darme cabezadas contra o penedo. A impotencia foi a causante de que asomara esa bágoa da vida. O sol esfumouse, a lúa acochou detrás dunha nube e as estrelas perdéronse pola inmensidade do universo. Ó final foi certo que botei un días parado, ata que conseguín agatuñar polo penedo arriba. Xa no outro lado, pero aínda cansado, empecei a facer de novo camiño, paso a paso, con calma, con parsimonia (non quería botar as campás a voar) o camiño da esperanza. Aínda sigo camiñando. Pero xa cos dous sorrisos abertos.


Finca Fierro. Luns, 12 de outubro de 2020

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario