miércoles, 21 de octubre de 2020

QUERO DEIXARME LEVAR

Quero deixarme levar pola parsimonia ou pachorra dunha conversación, pero a distancia que vai dunha frase á outra é tan longa que quedo na metade do camiño. Deixo de prestar atención, pecho os ollos e viaxo polo espazo eterno dun universo que está aí. Ás veces alcánzoo e outras veces quedo co silencio preñado de asuntos que non veñen a conto. Non sempre vou espallar o que ronda ó meu arredor. Hai que conformarse coa noite que me acompaña e coa escuridade que me enreda, que me envolve. Son as once e vinte e penso que unha estrela fugaz é aquela que pasa coma un lóstrego e que non sei onde caerá. Ó mellor perdeuse polo universo sen fin. É igual; o caso é que o ritmo dunha canción me leve polas discotecas da miña conciencia; se é que a teño, que ás veces ata o dubido.


Quero deixarme levar pola imaxe dun recordo, que empeza esfumado pero que pouco a pouco se debuxa entre os soños dunha cabezada. Sempre dixen que soñar é bonito. Ata entre as balas dunha loita se pode soñar. Ou entre as bombas dunha guerra. Soñar que ninguén morre e que as balas rebotan contra as follas dos castiñeiros e as bombas quedan sen estourar. Por veces de ilusión tamén se vive. Como se pode vivir contemplando o reflexo dun soño no espello, ou os beizos abertos nun descomunal sorriso, ou un obxecto metido entre unhas pedras, ou quedando quieto e deixar que o tempo pase para que todo cambie. Quero deixarme ir por esta noite escura na que reina o silencio e na que pingas de orballo caen sobre as pegadas dunha bonita sensación.


Finca Fierro. Mércores, 21 de outubro de 2020

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario