viernes, 16 de octubre de 2020

SEMPRE HABERÁ ALGO MELLOR

O sol fíltrase por entre as cortinas e Pink Floyd penetra por uns auriculares para facerme o momento moito máis agradable. Porque hai momentos nos que, aínda estando ben, quero estar moito mellor. Como agora mesmo, que xa estaba ben con Pink Foyd, pero aparece Ennio Morricone e, claro, estou estupendamente. A tarde tamén axuda. Nin punto de comparación coa mañá. Pola mañá, e por iso de que só se pode tomar café nas terrazas, pensei que quedaba conxelado lendo este xornal. Logo, axiña, pouco a pouco, o Lorenzo empezou a filtrarse por entre as nubes que, nunha carreira, desaparecían. Pero mentres a calor non penetraba nos meus ósos (porque carne hai pouca) a sensación térmica seguía a ser case de conxelación. Maldita mañá!


Agora dá gusto. E , ollo ó dato, só vendo o sol. Porque a min, dar non me dá. Estou dentro dunha cociña á que aínda non lle chega
a estrela solar. Isto da música é como unha alucinación: de Pink Floyd pasamos ó mestre Morricone; pero, é que dicir do gran Henry Mancini? É como ver un sorriso aberto, enorme que alguén che amosa cando pensas que xa non hai nada máis alá do universo. Máis alá sempre hai algo ou alguén. Sempre. Na música sempre aparece algún tema mellor cá outro. Como calquera cousa na vida. Sempre haberá unha persoa mellor cá ti (e peor tamén). Sempre haberá unha dor máis grande cá túa. Sempre haberá un amor máis grande có teu. Sempre haberá un desexo máis grande có teu. E sempre, sempre haberá unha tarde máis bonita cá esta. É lei de vida. E dos tempos. E remato con todo un Bob Dylan.


Finca Fierro. Venres, 16 de outubro de 2020

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario