domingo, 4 de octubre de 2020

TARDE DE OUTONO

A pesar de ser as tres da tarde, a luz eléctrica reflicte sobre o ordenador, porque, fóra, a nebulosidade é tal que semella case noite pecha. Fáltalle o case, claro. Ou sexa, as tres da tarde. Ella Fitzgerald e Louis Armstrong deixan escapar as súas voces nunha preciosa canción e eu sigo o ritmo da música cos pés; e cando me poño a pensar, tamén coa cabeza. Hai temas musicais que levantan o espírito. Ó fondo está a porta da entrada ó piso. De cor marrón.


Sobre a mesa, a maiores do portátil, apousentan tres dicionarios e dúas carpetas cheas de listados con temas musicais. Á esquerda do portátil, un rotulador vermello para ir borrando os temas musicais que vou colgando no feisbuq. Máis á esquerda, o móbil. E sobre unha cadeira que tamén hai á esquerda, outra carpeta. Esta, cun listado de miles de películas que vin, máis ou menos, desde 1982 deica a actualidade. Debaixo deste listado hai outra morea de folios con centos de refráns que, tamén, pouco a pouco, vou subindo ou colgando no fe
isbuq. A nebulosidade está a darlle paso a pingas de auga que caen sobre o asfalto e os coches e as beirarrúas e as árbores e as papeleiras. Non sei quen dixo un día que as tardes de outono nas que chove algo vólvense morriñentas, tristes, melancólicas, aptas para pousar a cabeza sobre os cristais das ventás e mirar a vida pasar. Pero sen ver. Sabemos que cando as olladas quedan perdidas, non vemos. Eu si vexo que o Pingas chega á súa fin dicindo que aquí o remato e que axiña toca ver fútbol; o deporte das masas. Si, pero ás veces é bonito.


Finca Fierro. Domingo, 4 de outubro de 2020

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario