martes, 27 de octubre de 2020

O QUE É DUN...

Confeso que a tarde ameaza chuvia. Ó mellor xa está chovendo. Pero amárgame levantarme para mirar se é certo. É igual; chova, non chova hai que seguir para adiante. Por exemplo, comentar unha vez máis que a xustiza no noso país é unha carallada, unha pándega. É que lin dúas novas case seguidas que me deixaron coa carraxe furgando no meu pensamento e tamén medio pampo. Resulta que a unha ourensá, á que uns desalmados lle ocuparon o piso, te que durmir no seu coche. E na Coruña desaloxaron a 13 okupas un ano despois de apoderarse dunha vivenda. Logo, para máis aquel, e como viron e ven que a xustiza é o que é -ou como é-, ós quince minutos xa intentaron ocupar outro. A ver se isto é ou non é puro algueirada.


Sinceramente, nestes casos, a xustiza xa non tiña porque actuar; bastaría con que procedese a policía solicitando as escrituras do piso para saber o propietario do mesmo. Aí está a auténtica lei. Ese simple nome. Se non, para que carallo vale unha escritura! Ninguén ten dereito a apropiarse da propiedade doutro; e coma se o propietario non quere vivir nunca máis no seu piso. Porque o teña abandonado, ninguén, absolutamente ninguén é quen de meterse nunha propiedade que non é súa. O que é dun, non pode ser de ninguén máis. Esta é a auténtica realidade. Non me entra na cabeza que esa señora de Ourense teña que durmir nun coche porque a súa vivenda está ocupada. E menos me entra que haxa que andar en danzas para botar a eses paspáns. A tarde segue negra, coma este tema. Moi triste tal situación.


Finca Fierro. Martes, 27 de outubro de 2020

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario