sábado, 10 de octubre de 2020

SOBRE OS AGASALLOS

Calquera hora é boa para escribir e para criticar algo. Por exemplo, ás doce menos vinte e cinco da noite, e mentres espero a que asome algunha película pola televisión. É que me chamou a atención o outro día unha nova na que os Franco alegaban que o pazo de Meirás fora un agasallo ó ditador a título persoal. Sinceramente, non o creo. E aínda que así fora, sei como eran os agasallos nos anos 60 e incluso 70, polo que aínda sería peor, moito peor o 5 de decembro de 1938, que seica foi cando pasou ás súas mans. Os agasallos, por esas épocas e a esa xente “especial”, facíanse por medo. Simplemente por medo. De todos é sabido que ninguén, absolutamente ninguén regala nada. Segurísimo que o pazo de Meirás non foi un agasallo.


Eu era rapaz nesas dúas décadas que comentaba antes e lembro moi perfectamente aqueles “agasallos” que se facían. E notábase ás leguas que era por medo. Algo moi semellante ou practicamente igualiño que as famosas propinas. Sei de xente que traballaba na administración do Estado que se puxo rico grazas ás propinas. Había medo a que non che arranxasen aqueles papeis que tiñas que entregar ou aquelas solicitudes que tiñas que presentar. Non vaia ser o demo que non me tramite os expedientes... Se ata as propinas ós acomodadores dos cines (agora non hai disto, grazas a Deus, pero antigamente era xa costume en todas as salas cinematográficas, polo menos en Madrid) era por medo. Medo a que o acomodador rosmase algo ou a que non che alumease ben o corredor para ir á túa butaca. A min a palabra agasallo nunca me gustou. Nin como favor. Os favores hai que pagalos sempre.


Finca Fierro. Sábado, 10 de outubro de 2020

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario