sábado, 17 de diciembre de 2022

A INTELIXENCIA DUN PASPÁN

Quero esbardallar sobre a aira do tempo, pero este, ás veces, é efémero. Teño a solución dos soños que van e veñen desde o principio ata a fin. Soñar esperto é bonito... dependendo do que se soñe. Soñar durmido tamén é bonito... cando non son pesadelos. Quero deixar de pensar nos soños, no tempo, no espazo, deixar a mente en branco e esperar a converter o ruído en silencio.


Fóra chove e as pingas de auga mollan a aira dos recordos. Aínda que hai recordos que, nin mollados, esvaecen, se disolven; quedan envoltos nun recanto da memoria. Porque todos os recordos se balancean sobre o bambán dos sentimentos. Agora cada quen que se arrolique sobre o fío da súa conciencia.

Dentro hai ruído e non sei como facer para que o silencio furgue por entre as liñas que escribo. Hai escritos que precisan de certa concentración e o ruído é un inimigo. Nin os temas musicais que saen polos auriculares amortecen, debilitan o ruído do café. Malditas conversas dalgúns!

Fóra e dentro o tempo é efémero e eterno e único e pasaxeiro, no que hai soños e pesadelos e silencios e ruídos e recordos e sentimentos e escritos e música. Todo o que entra sae e todo o que sae entrou. Hai lóxicas filosóficas que bailan sobre a intelixencia dun paspán. Tamén has pasmóns que meten a filosofía no baúl ou na hucha da ignorancia.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 14 de decembro de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario