miércoles, 21 de diciembre de 2022

COMA SE FORA Á GUERRA

Antes de saír da casa prepareime coma se fora á guerra. Nun bolso da cazadora metín o libro que tiña que devolver na biblioteca. No outro bolso ocupou o seu baleiro o caderno no que estou escribindo. Na man esquerda, a bolsa do lixo para deixar no contedor. Na man dereita, o paraugas. Porque chovía e aínda chove a embute. Non houbo outra que, xusto ó poñer o primeiro pé na beirarrúa, abrir o paraugas.


Sempre adoito levar nas mans os libros e cadernos. Hoxe metinos nos bulsos da cazadora (benditos petos grandes!) porque, nas mans, podían caer sobre eles algunhas pingas de auga. Antes prefiro empaparme eu que caia unha pinga de auga sobre un libro ou un caderno. Non sería a primeira vez que os meto incluso entre o cinto e barriga para cubrilos coa roupa e que non se mollen.

Hoxe quen se mollou fun eu. E si, sacara o paraugas e xa dixen que o abrira. Pero estes aparellos de agora non sei de que carallo están feitos que se molla un igual. E cando cheguei ó atallo... nin paraugas, nin cazadora, nin botas; os pés axiña se enchouparon porque as botas de agora tamén son coma os paraugas, ou sexa, un cero á esquerda (ai aquelas chancas!). Logo, para máis aquel, os intelixentes que lle botaron cemento ó atallo non foron quen de deixalo algo inclinado ou algo fundido polo medio para que a auga correse tan só por un lugar e non abarcando todo o ancho do camiño, que é como corre. E como molla os pés.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 19 de decembro de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario