martes, 13 de diciembre de 2022

QUEDARON TODOS CONTENTOS

Non deixa de chover e os pingüíns bailan unha polca dentro dun ascensor. Que fan catro pingüíns nun ascensor? As pingas de auga rebotan contra o asfalto da estrada e unha cascuda intenta escalar unha pota desas grandes de caldo. Chegaría a cascuda cabalgando sobre a folla dunha verza? Din que se chove, que chova; pero a realidade é que o lagarto está ó sol e bambeando sobre o fío do tendido eléctrico. Alcanzaría o lagarto ese lugar subido ó lombo dunha rula? Cousas máis raras se ven neste mundo de soidades, de ruídos e de silencios.


Non deixa de chover e os catro pingüíns, ó saír do ascensor, axiña arman un concerto musical con tan só cancións de Sabina. A xente pediulles unha de Melendi ou de Ricardo Arjona. Eles, nin caso; emprenderon un camiñar torpe, romo con dirección á Antártida. A xente, cabreada, anoxada, correu detrás da cascuda para esmagala a base de golpes de vasoira. Non o conseguiron porque a cascuda, que non é parva, fuxiu polo desaugadoiro do vertedoiro. O lagarto, vendo o panorama e sendo aínda menos parvo que a cascuda e incluso moito máis listo cos pingüíns, subiu de novo ó lombo da rula e berroulle que a que estaba esperando. A rula, que era aguda e lista e guapa e xeitosiña realizou un voo rasante, xusto por entre as pernas da xente, para que así, o lagarto bailase sobre a súa propia cola todos os temas de Sabina e mesmo dous ou tres de Melendi e Arjona. Enténdese que, agora si, máis ou menos, quedaron todos contentos.


Café O Chicote. A Valenzá. Luns, 12 de decembro de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario