lunes, 19 de diciembre de 2022

O ARCO DO SEÑOR

Saíu o arco da vella. Era o do Señor. Xa sabedes (e se non sabedes, ídelo saber): cando chove e hai sol sae o arco do Señor. Chove a hai sol. Como estaba esplendoroso gardeino nunha foto. Non para o recordo, senón para que non se me fora. Para que non desaparecera. Así, podo subir a el ou podo pasar por debaixo del as veces que queira.


Xa non é a primeira vez que subo ó arco da vella. Un día fíxeno e paseino correndo sete veces. Cada carreira realiceina por cada unha das súas cores. Para non desprezar a ningunha. Sempre fun un pouco considerado. A maiores de que ningunha cor do arco da vella desmerece unha da outra.

Cando pase a correr por el de novo, penso facelo máis a modo. Para contemplar mellor o panorama ou para recrear mellor a vista. Desde o pico da curva tense que amosar un espectáculo espléndido, marabilloso. Moi fermoso.

Tampouco é a primeira vez que paso por debaixo del. Non hai moito que o fixen. É certo que tiven que andar unha eternidade. Cando pensaba que estaba chegando, o condenado estaba alá e moito máis que alá. Pero tamén saberedes (e isto si sei fixo que o sabedes) que a min non me fai recuar calquera impedimento. Como testán que son, sigo e continúo, ando e corro, marcho e non paro deica alcanzar a meta, a miña meta. Conseguín cruzar por debaixo do arco da vella. E tamén conseguín correr polas súas cores.


Café O Chicote. A Valenzá. Xoves, 15 de decembro de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario