sábado, 24 de diciembre de 2022

UNIVERSO AZUL, XUNGLA VERDE

Ela comentoulle que sobre as ondas do mar bambeaban os soños del. El quedou algo apoucado e só soubo dicirlle que o mar, ás veces, era de cor azul e, outras, de cor verde. Ela sorriu. El contoulle tres soños máis para que os gardara no fondo do mar.


Tanto el coma ela estaban sentados, a uns dous metros un do outro, no alto dun outeiro e moi lonxe do mar. Pero este era coma o seu universo azul ou coma a súa xungla verde. De cando en vez torcían as cabezas e mirábanse ós ollos. Sabían que hai miradas sobre as que se poden escribir novelas románticas ou poemas enteiros. Porque a poesía tamén é o dindán dos soños. E dos desexos.

El iniciou o asubío dunha famosa canción. E ela, polo baixiño, púxolle letra e cantouna con agarimo. A melancolía preñou nunha rula que pasaba e que a fixo deter sobre a punta dunha carpaza. En cada estrofa da canción, ela empurraba o seu corpo uns centímetros cara á el. En cada ritmo do asubío, el arrastraba as súas nádegas noutros tantos centímetros cara á ela. A distancia cada vez era máis curta. El, de súpeto, quedou en silencio para que ela escoitara os latexos do seu corazón. Ela deixou de cantar e tamén notou como se comprimía o seu peito.

Os dous, a un tempo, soñaron co ruído das ondas do mar e a nostalxia viaxou por todas as cores do arco da vella. Ela mirouno ós ollos, el colleulle a man e baixaron do outeiro bambeándose sobre as súas propias ilusións.


Café O Chicote. A Valenzá. Xoves, 22 de decembro de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario